Nova: A Residencia Xacobeo promove por primeira vez a tradución de obras galegas ao asturiano coa estadía de Inaciu Galán
19/01/2025
A Residencia Xacobeo promove por primeira vez a tradución de obras galegas ao asturiano coa estadía de Inaciu Galán
O escritor gañador desta iniciativa, que xa vai pola súa quinta edición, estará durante o mes de marzo na Residencia Literaria 1863 para levar a cabo o seu proxecto
A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude e a entidade que xestiona Yolanda Castaño colaboran na proxección da literatura galega tanto no panorama nacional como no exterior
Santiago de Compostela, 19 de xaneiro de 2025.- A Residencia Xacobeo acollerá durante o vindeiro mes de marzo o asturiano Inaciu Galán, gañador da estadía na que levará a cabo o seu proxecto de tradución de obras galegas. Trátase da iniciativa que impulsan a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude e a Residencia Literaria 1863 e que, por primeira vez, contará cun escritor da península que traballará nun proxecto de tradución ao asturiano.
A colaboración da Xunta de Galicia e a entidade con sede na Coruña xestionada por Yolanda Castaño, xestora cultural e poeta, gañadora do Premio Nacional de Poesía 2023, promoven esta residencia, por quinta edición consecutiva, co obxectivo de promocionar a tradución da literatura en galego e, deste xeito, impulsar as letras galegas tanto no panorama nacional como no exterior.
O escritor e xornalista Inaciu Galán aproveitará o seu paso pola cidade herculina para por en marcha o seu proxecto literario, cuxa finalidade é escoller medio cento de poemas de autores actuais, menores de 35 anos e que neste momento sexan referentes na literatura galega, para preparar unha antoloxía bilingüe, traducida ao asturiano.
Estadía na Coruña
A Residencia Xacobeo ofrece unha estadía completa, así como acceso a museos, bibliotecas, concertos, encontros literarios, obras de teatro e outros eventos na cidade da Coruña.
Sobre Inaciu Galán y González
Inaciu Galán, nado en Xixón en 1986, é escritor, xornalista e activista en defensa do asturiano. Fundou e dirixe a revista literaria Formientu e desde 2012 é presidente do colectivo a prol da normalización da lingua, Inciativa pol Asturianu. É un dos modernizadores e difusores do xénero do monólogo en asturiano, e publicou en 2008 a primeira escolma sobre este xénero, Antoloxía de monólogu modernu ¡Pa echar unes rises!, seguida en 2011 de Más monólogos… ¡Pa echar unes rises!.
Dentro dos seus últimos traballos destaca a tradución á lingua asturiana da obra A segunda lingua de Yolanda Castaño. Galán, nas súas facetas como articulista, escritor e tradutor colaborou en numerosas publicacións como El Gomeru, Lletres Asturianes, Lletres Lliterariu ou Reciella Malory, entre outras.
A través da Residencia Xacobeo, Inaciu Galán será o quinto tradutor que se beneficie desta iniciativa, tras os estadounidenses Jacob Rogers, Kathleen March e Lindsay Semel, e o letón Arvis Viguls.