Nova: O número de lectores en Galicia sobe a un 66,2 %, case 6 puntos máis que en 2023 e por riba da media estatal

23/01/2025

O número de lectores en Galicia sobe a un 66,2 %, case 6 puntos máis que en 2023 e por riba da media estatal

Así o reflicte o ‘Barómetro de hábitos de lectura e compra de libros de España de 2024’, no que Galicia escala da duodécima á sexta posición de CC.AA. máis lectoras

Este informe anual revela que a Comunidade está ante o seu mellor dato lector da serie histórica

A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude celebra estes datos, que demostran a efectividade das políticas públicas da Xunta e o esforzo dos sectores do eido do libro

Santiago de Compostela, 23 de xaneiro de 2025

Galicia aumentou a un 66,2 % o seu número de lectores, o que supón 5,7 puntos máis que a porcentaxe rexistrada en 2023 e sitúa os índices de lectura na Comunidade por riba da media estatal. Así o recollen os datos do Barómetro de hábitos de lectura e compra de libros de España en 2024 e que, segundo salientou hoxe o director xeral de Cultura, “demostran a efectividade das políticas públicas da Xunta e o esforzo de todos os sectores vencellados co ámbito do libro”.

Nun acto na Biblioteca Publica Ánxel Casal en Santiago de Compostela, o representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude salientou tamén que este informe, de periodicidade anual, reflicte que “Galicia escala da duodécima á sexta posición de Comunidades Autónomas máis lectoras”, só superada por Madrid (72,1 %), Euskadi (69,4 %), Cataluña (68,9 %), Navarra (68,2 %), e A Rioxa (67,3 %).

O director xeral de Cultura puxo en valor que os datos deste estudo revelan índices “nunca antes rexistrados” e enxalzou o feito de que Galicia se sitúa, por tanto, ante “o seu mellor dato lector da serie histórica”. “É unha boísima nova e estamos enormemente satisfeitos”, celebrou.

Neste senso, Anxo M. Lorenzo remarcou que estas cifras son resultado dun “esforzo  importante” e dun “traballo de fondo” iniciado conxuntamente pola Administración galega e o sector nos últimos anos, “porque os hábitos lectores non cambian dun ano para outro”, precisou. Por estes motivos, considerou “fundamental” o papel das bibliotecas escolares, de todo o sector do libro e das bibliotecas públicas, “que están tamén facendo un traballo de dinamización lectora impagable”.

Comparte