Nova: Carballo presenta o seu programa cultural co apoio da Xunta para 11 funcións escénicas a través da Rede Galega de Teatros e Auditorios

23/01/2025

Carballo presenta o seu programa cultural co apoio da Xunta para 11 funcións escénicas a través da Rede Galega de Teatros e Auditorios

Poderán verse propostas teatrais de Ibuprofeno Teatro, Talía Teatro ou Elefante Elegante, producidas con axudas da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude

O programa tamén ofrecerá cinco espectáculos de danza, coa estrea da última peza de Paula Quintas

Carballo (A Coruña), 23 de xaneiro de 2025

A Rede Galega de Teatros e Auditorios, o circuíto de espectáculos promovido pola Xunta de Galicia en colaboración coas entidades locais asociadas, ofrecerá en Carballo 11 funcións doutros tantos espectáculos de artes escénicas durante o primeiro cuadrimestre de 2025 como parte da programación deseñada polo concello coruñés.

O director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, participou esta mañá no Pazo da Cultura carballés na presentación dun calendario de actividades que se prolongará ata abril de 2025, nun acto no que estivo acompañado do alcalde da localidade, Evencio Ferrero, e da concelleira de Cultura e Festas, Maruxa Suárez. Baixo o lema Cultura con forza!, a vila coruñesa ofrece a partir do xoves 30 de xaneiro toda unha variedade de propostas de teatro, danza, música, cine, artes plásticas e fotografía.

O representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude sinalou que a Rede Galega de Teatros e Auditorios programa ata a o vindeiro mes de xuño 343 funcións de artes escénicas e musicais nos escenarios de 41 concellos das catro provincias galegas, todos os que forman parte deste circuíto agás As Pontes de García Rodríguez, que o fará a partir de xullo.

Un millón de euros da Xunta para contratacións

Tamén lembrou que a Xunta impulsa e coordina esta Rede, que constitúe na actualidade un dos principais mercados de distribución cultural para facerlle chegar ao público os espectáculos producidos no país de xeito profesional. Sinalou, así mesmo, que a través da Axencia Galega das Industrias Culturais, disponse para todo 2025 un orzamento de 1 M€ destinado integramente á contratación de formacións artísticas profesionais de teatro, música, danza, circo e maxia, galegas na súa meirande parte, coas que se configuran dúas programacións semestrais. Esta dotación duplicarase ata case 2 M€ ao remate do ano coas cantidades achegadas polos concellos.

Teatro de seis compañías galegas 

A parte da programación incluída na Rede Galega de Teatros e Auditorios arrancará o 7 de febreiro co monólogo O único que verdadeiramente quixen toda a vida é ser delgada, de ButacaZero, escrito e interpretado por Esther F. Carrodeguas. O 14 febreiro poderá verse Go Home, de Etiqueta Negra Producciones, unha comedia negra protagonizada por David Amor e Josito Porto baixo a dirección de Tito Asorey; e o domingo 16 a cita é co espectáculo para público familiar Monstros, no que Producións Teatrais Excéntricas fala dos medos desde un punto de vista cómico e musical. Estes dous últimos espectáculos contaron coa axuda á creación escénica da Xunta na convocatoria de 2023, apoio que tamén recibiu en 2024 Ibuprofeno Teatro para Reconversión, unha produción con oito intérpretes-instrumentistas que farán sobre o escenario un exercicio de memoria histórica ao redor da reconversión no sector naval de Vigo e que se presentará en Carballo o día 21.

No mes de marzo, o venres 14 poderá verse Un deus salvaxe, de Talía Teatro, unha comedia negra que explora temas como a hipocrisía, a intolerancia e a soberbia na sociedade, e o domingo 23 chegará Kyoki, a última peza de Elefante Elegante para público infantil e familiar onde aborda, desde a súa linguaxe de teatro físico e sen palabras, temas como o esquecemento, a vellez e a soidade. As dúas compañías galegas tamén produciron estes espectáculos no marco das subvencións á creación escénica, nas convocatorias de 2023 e 2024, respectivamente, na modalidade de proxectos plurianuais coa que a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude promove o desenvolvemento do seu plan artístico e empresarial a tres anos vista, facilitando así o funcionamento dos equipos e proxectos de empresas teatrais xa consolidadas.

Danza entre marzo e abril

O ciclo Primavera enDanza desenvolverase entre o final de marzo e o comezo de abril con cinco propostas, todas elas incluídas no circuíto autonómico, entre as que destaca a estrea absoluta o venres 28 de marzo de Aurora boreal, a nova peza de Paula Quintas Cía. O sábado 29 dese mes poderá verse Sofá, de Marta Alonso Tejada, á que lle seguirán dúas propostas que chegan desde Cataluña: o 5 de abril Together to Get There, de Lali Ayguadé Company, e o 6 de abril, Cometa, de Lowland Performing Arts. A mostra de danza de Carballo, con máis de 20 anos de traxectoria e pioneira na difusión deste xénero para toda Galicia, pecharase o 11 de abril con Transeúnte, de Daniel Rodríguez, peza coproducida polo Centro Coreográfico Galego.

Comparte