Nova: Anxo M. Lorenzo destaca “a importancia de divulgar entre a sociedade o noso patrimonio documental”

24/01/2025

Anxo M. Lorenzo destaca “a importancia de divulgar entre a sociedade o noso patrimonio documental”

O director xeral de Cultura presenta o libro que recompila os 100 primeiros números de ‘Fronda’, a publicación do Arquivo Histórico Provincial de Ourense para difundir o labor arquivístico

Ourense, 24 de xaneiro de 2025

O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, e o delegado territorial da Xunta, Manuel Pardo, presentaron hoxe no Arquivo Histórico Provincial de Ourense un libro que recompila os 100 primeiros números da publicación Fronda, coa que a entidade difunde o seu labor e a importancia dos seus fondos desde o ano 2006.

Así, o representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, incidiu na “importancia de divulgar a nosa riqueza patrimonial, neste caso o patrimonio documental, entre a sociedade, máis alá das persoas investigadoras”, puntualizando que a través desta publicación, ao longo do tempo “déronse a coñecer fondos con especial valor, que teñen que ver coa igrexa, os concellos, e mesmo empresas”. Neste senso, tamén resaltou que “foi unha das primeiras publicacións de difusión arquivística tanto para público académico como non especializado, tanto no ámbito galego como a nivel nacional”.

Tal e como lembrou Anxo M. Lorenzo, o volume, 100 números de Fronda, que hoxe se presentou, recolle os exemplares da única publicación deste tipo que existe na actualidade en Galicia e cuxa cronoloxía abrangue material que vai desde a Idade Media á época Contemporánea. Ademais, destacou a colaboración durante estes anos de persoas vencelladas ao ámbito universitario e centros de investigación como o Instituto Padre Sarmiento.

Comparte