Nova: A Xunta activa a liña anual de axudas ao talento audiovisual con 176.000 euros para 11 curtametraxes e longas en galego

26/01/2025
A Xunta activa a liña anual de axudas ao talento audiovisual con 176.000 euros para 11 curtametraxes e longas en galego
O Diario Oficial de Galicia publica as bases da convocatoria de 2025, para a que o prazo de solicitudes está aberto ata o 24 de febreiro
Estas subvencións á nova creación no sector contribuirán á realización e posprodución de oito obras en formato curto e á produción de tres longametraxes de dirección novel
Santiago de Compostela, 26 de xaneiro de 2025
A convocatoria anual de subvencións da Xunta á creación audiovisual para a promoción do talento galego neste sector conta en 2025 cunha dotación de 176.000 euros para 11 novas curtas e longametraxes en versión orixinal galega. Segundo as bases publicadas no Diario Oficial de Galicia, con esta contía contribuirase á realización de seis novas curtametraxess con 8.000 euros por proxecto, á posprodución de dúas curtas, con 4.000 euros en cada caso, e á produción de tres longametraxes de dirección novel, con 40.000 euros por filme.
Trátase dunha das liñas de axudas máis lonxevas das que se convocan no seu ámbito a nivel autonómico coa finalidade de favorecer a incorporación da nova creación ao sector profesional. A través delas, búscase dinamizar a xeración de propostas narrativas de especial valor cinematográfico e o enriquecemento cultural de Galicia mediante as distintas formas de expresión audiovisual, ao tempo que se facilita a súa función como instrumento para a promoción da lingua galega.
Para a súa concesión, en réxime de concorrencia competitiva, teranse en conta criterios relacionados coa calidade e creatividade dos proxectos, a viabilidade cinematográfica ou a contribución cultural no ámbito de Galicia. No caso das propostas de posprodución de curtas e de produción de longametraxes, valorarase tamén o potencial de circulación das películas, así como o seu plan de lanzamento e de difusión.
Estas subvencións, que poden solicitarse ata o 24 de febreiro, enmárcanse no programa anual de axudas ao sector que xestiona a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude e que abrangue as diferentes fases do proceso audiovisual: desde o xermolo dos proxectos ata a súa chegada ás pantallas, pasando pola produción, rodaxe, difusión ou comercialización.