Nova: A Fundación Cidade da Cultura de Galicia nomea a historiadora da arte e xestora cultural Verónica Santos nova directora de Acción cultural

28/01/2025

A Fundación Cidade da Cultura de Galicia nomea a historiadora da arte e xestora cultural Verónica Santos nova directora de Acción cultural

Verónica Santos, que traballa no Museo Gaiás desde 2011, conta cunha ampla experiencia na coordinación de exposicións e proxectos didácticos

A designación prodúcese tras obter a maior valoración nun proceso de selección suxeito aos principios de transparencia, igualdade, mérito e capacidade

Afrontará retos como o deseño de contidos ao redor das artes dixitais ou o avance na internacionalización, no apoio á comunidade de creadores e nas itinerancias

Santiago de Compostela, 28 de xaneiro de 2025

A Fundación Cidade da Cultura de Galicia acaba de nomear a Verónica Santos Farto (Paredes-Vilaboa, Pontevedra-1973) directora de Acción Cultural. A designación, que se publicará no Diario Oficial de Galicia nos próximos días, prodúcese tras obter a maior valoración nun proceso de selección convocado pola Fundación, suxeito aos principios de transparencia, igualdade, mérito e capacidade.

Santos Farto, que asumirá este cargo nas próximas semanas, coñece en profundidade unha institución na que desde 2011 desempeña un papel destacado, coordinando proxectos expositivos e didácticos, así como comisariando propostas como Pensar coas mans. Cerámica, cestería e xoiería de Galicia ou Traballo en equipo. 30 anos do CGAC, mostra que levou a cabo xunto ao director do CGAC, Santiago Olmo.

Á fronte deste departamento, asumirá retos como o deseño dun programa de contidos no terreo das artes dixitais, o avance no proceso de internacionalización que está a impulsar o Gaiás, a ampliación do programa de itinerancias expositivas ou o apoio á comunidade de creadores dotando dunha nova escala as residencias artísticas. 

Historiadora da arte e xestora cultural

Licenciada en Historia da Arte Moderna e Contemporánea e Historia, Xeografía e Historia da Arte de Galicia pola Universidade de Santiago, cursou o Máster en Xestión de Bens Culturais e Patrimonio pola Universidade da Coruña e un posgrado en Museoloxía Moderna polo Centro Liceus e Universidade Alcalá de Henares.

Ademais da súa formación académica e a súa etapa na Cidade da Cultura, Santos Farto traballou como xestora cultural e comisaria de exposicións, fundou unha empresa de xestión cultural premiada polo súa carácter innovador e participou como docente en másters e programa educativos para diversas institucións culturais.

Comparte