Nova: Xornadas no Gaiás sobre a produción e xestión dunha mostra temporal
05/05/2015
Xornadas no Gaiás sobre a produción e xestión dunha mostra temporal
Camiño. A orixe. Organización e xestión dunha exposición temporal terá lugar do 8 ao 11 de xuño no Museo Centro Gaiás.
A inscrición é de balde en www.cidadedacultura.gal
Santiago, 5 de maio de 2015.- Do 8 ao 11 de xuño celebrarase no Gaiás unhas xornadas académicas coas que achegarlle aos estudantes de Historia da Arte e profesionais do ámbito museístico os procesos que se agochan tras a montaxe dunha exposición.
Tomando como referencia Camiño. A orixe, en exposición no Museo Centro Gaiás ata o 13 de setembro, a Cidade da Cultura ofrece a oportunidade de adentrarse na organización dunha exposición temporal, analizando as diferentes fases e técnicas de traballo deste proceso, desde a concepción da idea ata a inauguración. Con 150 obras procedentes de 70 institucións nacionais e internacionais, ‘Camiño. A Orixe’ constitúe un caso de estudo axeitado para analizar aspectos como a definición do concepto e discurso dunha exposición, a selección e petición de obra, as relacións coas institucións cedentes, o deseño da montaxe, o seguro e transporte das pezas ou a edición do catálogo.
Camiño. A orixe. Organización e xestión dunha exposición temporal analizará tamén as relacións entre arte e historia, coa presenza de prestixiosos investigadores e especialistas na cultura xacobea, e abordarán a dimensión emocional do Camiño, así como a ollada a este itinerario desde a creación contemporánea.
Directores de museo, comisarios, técnicos de exposición, conservadores de obra, responsables de colección, arquitectos, historiadores e investigadores, todos ofrecerán aos participantes unha visión integral da organización dunha exposición.
Cun total de 28 horas, a asistencia ás xornadas conta cun ETCS da Universidade de Santiago (asistencia mínima ao 85%). Para participar só é preciso inscribirse de balde en www.cidadedacultura.gal. Outorgaranse as prazas por rigoroso orde de inscrición ata completar as prazas (un total de 50). As xornadas académicas contan coa subvención da Deputación da Coruña.
Programa
Dirixidas polo profesor titular de Historia da Arte da Universidade de Santiago de Compostela, Juan Manuel Monterroso Montero, as xornadas arrancarán o luns 8 de xuño coa mesa redonda ‘Concepto, selección de obra e deseño da montaxe do proxecto expositivo Camiño. A orixe’, que servirá de introdución tanto á mostra como ao obxectivo das xornadas.
María Pereira, directora de Acción Cultural do Gaiás; María García Alén, directora do proxecto; Juan Manuel Monterroso Montero, asesor artístico do proxecto; e Jesús Irisarri e Guadalupe Piñera, responsables da montaxe; serán os encargados de facer esta primeira aproximación a unha exposición temporal.
A primeira xornada complétase ofrendo unha visión das orixes do Camiño con Fernando López Alsina, catedrático de Historia Medieval da USC e membro do Comité Internacional de expertos do Camiño de Santiago; Paolo Caucci von Saucken, historiador e especialista no Camiño de Santiago; e Adeline Rucquoi, historiadora medieval e Directora de Investigación do CNRS.
Do proceso técnico ao emocional
A xornada do martes centrarase na xestión e produción dunha exposición como ‘Camiño. A orixe’, desde a petición de obra, ao transporte, montaxe e catálogo; así como os criterios que inflúen á hora de seleccionar as pezas que forman parte dunha mostra. O departamento de exposicións da Cidade da Cultura compartirá protagonismo durante esta segunda xornada con José Ignacio Hernández, conservador e responsable de Coleccións do Museo Nacional de Escultura; María Antonia Herradón, conservadora do Museo do Traxe; e José Manuel López Vázquez, profesor titular de Historia da Arte da USC e comisario de exposicións.
O mércores 10 de xuño, os participantes nas xornadas poderán coñecer a dimensión emocional do Camiño a través da experiencia de María García-Alén, Segundo Leonardo Pérez López, deán-presidente do Cabido da Catedral de Santiago e director da Oficina do Peregrino; e Damián Varela Pastrana, responsable da produtora audiovisual Miramemira, realizadora do proxecto documental ‘A marca do peregrino’.
‘Camiño. A orixe. Organización e xestión dunha exposición temporal’ concluirá o xoves, 11 de xuño, analizando a colaboración doutras institucións museísticas nunha mostra, con Elena Hernando Gonzalo, directora da Fundación Lázaro Galdiano; Ramón Yzquierdo Peiróo, director técnico do Museo da Catedral de Santiago; e Miguel Ángel González, director do Arquivo e Museo da Catedral de Ourense.
Esta última sesión prestará especial atención á implicación das intitucións educativas, a través do proxecto ‘Lugares Xacobeos’, once instalacións contemporáneas que forman parte da exposición ‘Camiño. A orixe’ realizadas por alumnos de Belas Artes. Os seus coordinadores, Silvia García González e Juan Carlos Meana, serán os encargados de explicar esta colaboración e de guiar aos participantes nas xornadas polas diferentes creacións.