Nova: Anxo M. Lorenzo celebra os dous primeiros anos de ‘A Furgoteca’ que suma xa 29.000 préstamos e 24.000 visitantes

28/01/2025

Anxo M. Lorenzo celebra os dous primeiros anos de ‘A Furgoteca’ que suma xa 29.000 préstamos e 24.000 visitantes

O director xeral de Cultura visita a nova ruta da provincia de Ourense coincidindo co Día das bibliotecas móbiles

Entre as actividades previstas inclúense obradoiros e tamén talleres con motivo do Día da Ilustración, que este ano homenaxea a Xosé Vizoso

Verea (Ourense), 28 de xaneiro de 2025

O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, visitou hoxe no municipio ourensán de Verea a nova A Furgoteca, que desde este mes percorre a área occidental da provincia de Ourense. Fíxoo con motivo do Día das bibliotecas móbiles, onde celebrou que nos dous primeiros anos de funcionamento, este servizo, que contou neste tempo co dúas liñas, sumou un total de 29.000 préstamos e 24.000 visitantes.

Tal e como salientou o representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, o éxito colleitado por esta iniciativa levou ao Goberno galego a poñer en marcha unha terceira ruta para seguir ofrecendo o servizo a un maior número de concellos rurais de Lugo e Ourense, que non dispoñen de servizo bibliotecario local.

Neste senso, Anxo M. Lorenzo destacou que, ao abeiro de A Furgoteca, realizáronse máis de 400 actividades de dinamización cultural para todos os públicos como xogos, obradoiros ou sesións de narración oral, entre outros.

No marco desta visita, o director xeral de Cultura lembrou as diversas propostas impulsadas no marco do Día das bibliotecas móbiles. Así, destacou o obradoiro que a partir de hoxe poñen en marcha todas as rutas para que os usuarios elaboren as súas felicitacións por este segundo aniversario. Ademais, incidiu en que, con motivo do Día da Ilustración, o vindeiro xoves día 30 tamén está previsto un taller de creación de tarxetas ao estilo de Xosé Vizoso, artista homenaxeado na efeméride deste ano.

Dinamización da cultura no rural

A Furgoteca continúa ofrecendo os seus servizos á poboación galega dando conta de que, estivo presente nunha vintena de municipios cun volume de poboación menor a 2.000 veciños. Na provincia de Ourense xa atendeu a 10.272 visitantes, realizou máis de 9.900 préstamos e ofreceu aos usuarios 159 actividades de dinamización. Pola súa banda, o percorrido deste servizo pola provincia de Lugo contou con preto de 14.000 visitantes, fixo máis de 19.000 préstamos e celebrou 248 propostas de lecer para todos os públicos.

A través desta iniciativa, o Goberno galego busca cumprir cos obxectivos da Lei de cultura inclusiva e accesible de Galicia, aprobada a finais de 2024, que promove o acceso á cultura de todas as persoas facendo especial fincapé en paliar as limitacións xeográficas fomentando que todos os galegos poidan contar con opcións de lecer independentemente do lugar no que residan.

As rutas de A Furgoteca viaxan dúas veces ao mes a cada un dos concellos participantes, de maneira que se asenta un dos días nas localizacións con maior afluencia de público, xa sexan feiras, mercados, centros de saúde, pavillóns de deporte ou centros socioculturais. Na outra xornada achéganse ás aldeas para ofrecer unha atención máis personalizada.

Comparte