Nova: A nova temporada da Rede Galega de Teatros e Auditorios ofrece oito funcións ata xuño no Teatro Principal de Ourense

29/01/2025

A nova temporada da Rede Galega de Teatros e Auditorios ofrece oito funcións ata xuño no Teatro Principal de Ourense

A través do circuíto da Xunta en colaboración coas administracións locais chegarán a os espectáculos de cinco compañías galegas e dúas de fóra de Galicia

As coproducións con Portugal do Centro Dramático Galego ‘Manuela Rey Is In Da House’ e de Sarabela Teatro ‘O grande incendio’ poderán verse no mes de maio

A programación arranca este venres 31 con ‘Multiperspectivas#3’, na que Paula Quintas combina improvisación teatral, danza, circo e ‘performance’

Ourense, 29 de xaneiro de 2025

O Teatro Principal de Ourense acollerá un total de oito funcións de escénicas na primeira carteleira semestral para 2025 programada co apoio da Xunta de Galicia por ser un dos 42 escenarios membros este ano da Rede Galega de Teatros e Auditorios. No marco deste circuíto, o escenario ourensán  mostrará ata xuño as últimas montaxes das compañías galegas Ártika Cía, Talía Teatro e Ibuprofeno Teatro, unha coprodución de Sarabela Teatro con Portugal, dúas adaptacións de clásicos literarios coas que Andrea Jiménez e Secuencia 3 están xirando por toda España, e a novidosa proposta multidisciplinar de Paula Quintas Cía en Multiperspectivas#3, coa que se abrirá a programación o venres 31.

Estas son algunhas das citas que conforman a nova programación do espazo, entre as que tamén destacan o espectáculo Manuela Rey Is In Da House o 16 de maio, a peza sobre a actriz de orixe mindoniense que chegou a ser unha gran estrela do teatro lisboeta de finais de século XIX, coproducida en 2023 polo Centro Dramático Galego xunto coas compañías portuguesas Teatro do Noroeste-Centro Dramático de Viana do Castelo, Teatro Nacional Dona María II de Lisboa e Teatro Nacional São João de Porto.

A actividade completa foi detallada nunha rolda de prensa celebrada hoxe en Ourense, que contou coa participación do director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, así como de César Fernández Gil, vicepresidente da Deputación Provincial, e Olga Mojón, directora do Teatro Principal.

Catro escenarios na provincia de Ourense

Na súa intervención, o representante da Xunta de Galicia  lembrou que a Rede Galega de Teatros e Auditorios programa ata a o vindeiro mes de xuño 343 funcións de artes escénicas e musicais nos escenarios de 41 concellos das catro provincias galegas (todos agás As Pontes de García Rodríguez, que se incorpora a partir de xullo). De feito, na provincia de Ourense figuran asociados o Centro Cultural Avenida da Rúa, o Teatro Lauro Olmo do Barco de Valdeorras e mais o Auditorio Manuel María do Carballiño. Tamén explicou que a Xunta impulsa e coordina este circuíto, que constitúe un dos principais mercados de distribución cultural para facerlle chegar ao público os espectáculos producidos no país de xeito profesional, a meirande parte deles con subvención á creación escénica por parte da Xunta.

Así, a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, dispón para todo 2025 un orzamento de 1 M€ destinado integramente á contratación de formacións artísticas profesionais de teatro, música, danza, circo e maxia, galegas na súa meirande parte, coas que se configuran dúas programacións semestrais.

A bailarina e coreógrafa galega Paula Quintas é a protagonista da primeira cita do ano coa Rede Galega de Teatros e Auditorios na capital ourensá. O Teatro Principal acollerá o venres día 31, ás 20,00 h., a súa experiencia na danza e nas artes circenses nesta terceira entrega arredor dunha proposta que parte da perspectiva do espectador como reflexión contemporánea. Combinando a improvisación teatral, a danza, o circo e a performance, e deixando espazo para a interacción co público, Multiperspectivas#3 experimenta cos límites das artes escénicas.

Novidades escénicas

Xa en febreiro a carteleira do Teatro Principal continuará amosando as novidades escénicas de catro compañías galegas. O sábado 22 de febreiro Ártika Cía. presentará a súa última proposta Non pasarán, unha resposta teatral ao crecemento dos autoritarismos e os movementos antidemocráticos que leva a escena a troupe habitual da compañía dirixida por Tito Asorey quen comparte a dramaturxia con Vanesa Sotelo.

O 27 de marzo, Día Mundial do Teatro, chegará Reconversión, a nova montaxe da compañía Ibuprofeno con texto e dirección de Santiago Cortegoso, que nos propón unha revisión histórica sobre o sector naval na ría de Vigo. Talía Teatro tamén visitará a cidade das Burgas co seu novo espectáculo de gran formato, Un deus salvaxe, a partir dun texto de Yasmina Reza e baixo a dirección de Artur Trillo. O público ourensán poderá gozar o 5 de abril desta comedia negra que explora temas como a hipocrisía, a intolerancia e a soberbia na sociedade a partir das discusións entre os proxenitores de dous nenos que se enfrontan con violencia nun parque.

Adaptacións de clásicos literarios

A carteleira da Rede para este semestre tamén traerá a Ourense dúas adaptacións de clásicos literarios que están colleitando moi boas críticas no panorama estatal. O 15 de marzo a compañía Secuencia 3 levará a escena La Regenta, de Leopoldo Alas Clarín, unha das novelas capitais do Realismo. Ambientada na cidade de Vetusta, a obra mostra unha historia na que a paixón desbordada dos desexos e do amor se enfronta ás cadeas da moral social provinciana e a traizón.

O 10 de abril desde Teatro de La Abadía chega a aplaudida Casting Lear, unha peza de autoficción creada por Andrea Jiménez a partir do Rei Lear de Shakespeare, improvisada en cada representación xunto a un actor distinto. Unha montaxe emocionante na que se reflexiona sobre a paternidade, o amor e o perdón a través dun exercicio teatral valente que investiga os cruces entre ficción e realidade.

A programación que conforma a axenda do circuíto da Xunta para este semestre péchase con dúas funcións do espectáculo O grande incendio, de Sarabela Teatro, o 19 e 20 de xuño. A historia contrapón os acontecementos de dúas vilas unidas por unha ponte para construír unha metáfora sobre a crise de valores.

Ánxeles Cuña dirixe esta montaxe desenvolvida en colaboración con Portugal a partir da fábula do dramaturgo alemán Roland Schimmelphennig, que chegará a Galicia trala súa estrea no Teatro Sá da Cerca, en Coímbra, o 25 de maio.

Comparte