Nova: O prestixioso informe da Fundación Contemporánea elixe o Gaiás como insignia da cultura galega en 2024

29/01/2025

O prestixioso informe da Fundación Contemporánea elixe o Gaiás como insignia da cultura galega en 2024

A Cidade da Cultura encabeza por segundo ano consecutivo a listaxe das propostas en Galicia mellor valoradas polo panel de expertos que participan no Observatorio

A distinción avala a calidade e innovación da programación ofrecida neste espazo, entre a que destaca a mostra ‘Unha vida viquinga’ ou ‘Escenas do cambio’

A exposición ‘Hospitalitas’, que contou co apoio da Xunta, entra na clasificación nacional xunto co encontro ‘Cultura e Cidadanía’ que se celebrou no CGAC e o Museo do Pobo Galego

No ámbito autonómico, destacan o Festival Sinsal de San Simón, o Centro Galego de Arte Contemporánea ou o Centro Dramático Galego

O informe recoñece entre as novidades culturais de 2024 o ‘Hematofesti’, o festival de humor e literatura infantil celebrado en Vigo

Os máis de 400 expertos salientan a importancia do programa Cultura no Camiño e os festivais Agrocuir da Ulloa, dos Eidos e de Cans para dinamizar a cultura no rural

O Festival da Luz sitúase entre as propostas máis exemplares polo seu compromiso social, mentres que o ‘Galiverso’ e ‘Hábitats’ repiten entre o mellor da cultura dixital

Santiago de Compostela, 29 de xaneiro de 2025

A Cidade da Cultura acaba de ser elixida como insignia da cultura galega en 2024 polo Observatorio da Cultura da Fundación Contemporánea, un prestixioso informe elaborado coas valoracións de máis de 400 expertos e profesionais de toda España que mantén a Galicia, repetindo o posto do 2023, como a sexta comunidade pola calidade e innovación da súa oferta. Trátase dun recoñecemento que foi entregado hoxe en Málaga á directora xerente da Fundación Cidade da Cultura, Ana Isabel Vázquez. 

Así, a programación que a Xunta de Galicia desenvolve no Gaiás volve encabezar a listaxe do mellor da cultura galega, ao igual que o fixera en 2023 e 2020, encadeando este equipamento seis anos consecutivos ocupando as tres primeiras posicións do ranking galego. Entre as súas propostas, o informe destaca a exposición Unha vida viquinga, que desde a súa apertura en xullo de 2024 e ata o 5 de xaneiro de 2025 recibiu máis de 60.000 visitantes, situándose como unha das mostras con máis afluencia do Museo Centro Gaiás desde os seus comezos.

Os panelistas tamén volven destacar desta vez unha das iniciativas máis consolidadas da Cidade da Cultura como é Escenas do Cambio. Neste senso, o festival de teatro, danza e arte en acción escala posicións con respecto ao ano pasado, desde o oitavo posto ao cuarto neste 2024. Así mesmo, as instalacións inmersivas do Galiverso e Hábitats. Natureza estendida, que permiten coñecer dunha maneira novidosa e accesible o noso patrimonio natural, histórico e cultural, repiten un ano máis como mellor da cultura dixital. 

Ademais da Cidade da Cidade da Cultura, o panel de expertos da Fundación Contemporánea tamén destaca no ámbito nacional a exposición Hospitalitas, da Fundación Las Edades del Hombre, a mostra que contou co apoio da Xunta de Galicia e exhibiu en dobre sede entre Santiago de Compostela e Villafranca do Bierzo 170 pezas de arte sacra de artistas de renome, e o encontro Cultura e Cidadanía, celebrado polo Ministerio de Cultura no Centro Galego de Arte Contemporánea e o Museo do Pobo Galego coa participación da Administración autonómica. 

Por outro lado, nas entradas máis destacadas do ano a nivel nacional, os panelistas salientaron a celebración do Hematofesti, o festival de humor e literatura infantil celebrado en Vigo para honrar á figura de Miguel Ángel López ‘El Hematocrítico’.

O máis destacado da cultura galega

A nivel autonómico, o observatorio da Fundación Contemporánea destaca no segundo e terceiro lugar, xusto detrás da Cidade da Cultura, o Festival Sinsal, que se celebra na Illa de San Simón, e o Centro Galego de Arte Contemporánea, en Santiago, que recibiu 55.030 visitantes ao longo do pasado ano. No cuarto posto comparte porcentaxe con Escenas do Cambio outra iniciativa que conta coa colaboración do Goberno galego, o Festival Internacional Outono de Teatro, que ten lugar en Carballo. 

Por outro lado, o Centro Dramático Galego mellora a súa posición na clasificación galega ata o posto número sete. Cómpre lembrar que a unidade teatral da Xunta de Galicia celebrou o pasado ano o seu 40 aniversario estendendo a súa programación a máis da metade dos concellos de Galicia e a 11 países. Entre estas propostas ofrecidas ao longo de 2024 destacan os 15 espectáculos que produciu directamente ou xunto a outras compañías sumando máis de 300 representacións.  

Cultura inclusiva e accesible

O informe publicado hoxe recoñece tamén o traballo feito polo Goberno galego en liña coa recentemente aprobada Lei de cultura inclusiva e accesible para garantir oferta cultural en espazos rurais. Neste senso, os panelistas destacaron a importancia dos festivais Agrocuir da Ulloa, dos Eidos e de Cans ou do programa Cultura no Camiño para poñer en valor e dinamizar a cultura nestes territorios.  

Así mesmo, tendo en conta o compromiso social e o desenvolvemento sostible, os participantes no observatorio da Fundación Contemporánea sitúan ao Festival da Luz entre as trinta propostas máis exemplares de España. 

Como novidade, o estudo publicado na edición deste ano recolle os cinco elementos patrimoniais mellor valorados polos expertos. No caso de Galicia destácase a Catedral de Santiago de Compostela, a Ribeira Sacra, o Camiño de Santiago, a Muralla de Lugo e a Torre de Hércules da Coruña. 

Estudo referente a nivel nacional

O Observatorio da Cultura da Fundación Contemporánea vén publicando desde o ano 2009 os seus informes anuais nos que analiza o panorama cultural español no seu conxunto, e tamén nas distintas comunidades autónomas. Están realizados a partir da valoración independente dun amplo panel de profesionais incluíndo escritores, artistas, directores e actores, músicos, arquitectos e creadores de todos os campos; responsables de fundacións, directores de museos, centros e institucións culturais; editores, produtores, promotores, responsables de industrias culturais; comisarios de exposicións, así como responsables de áreas e institucións culturais. 

En 2024, o cuestionario foi respondido por 461 profesionais de institucións culturais, entidades privadas e profesionais independentes do sector. A partir das súas valoracións elabórase a clasificación das institucións e acontecementos culturais do ano en España e, a partir das opinións dos expertos correspondentes a cada comunidade autónoma, os ránkings rexionais.

 

Comparte