Nova: A Xunta concede o VII Premio CGAC de Investigación e Ensaio ao doutor en Historia da Arte Sergio Mejide

30/01/2025

A Xunta concede o VII Premio CGAC de Investigación e Ensaio ao doutor en Historia da Arte Sergio Mejide

A obra premiada, ‘Parlamentos de xeo (e outras friccións teóricas de arte do século XXI)’, aborda as transformacións acontecidas na teoría e na práctica artística recente

O galardón, dotado con 3.000€, enmárcase no labor editorial desenvolvido pola entidade que xestiona o Goberno galego a prol do coñecemento e o acceso público á arte contemporánea

Santiago de Compostela, 30 de xaneiro de 2025

A Xunta vén de conceder o VII Premio CGAC de investigación e ensaio ao doutor en historia da arte Sergio Mejide, polo traballo Parlamentos de xeo (e outras friccións teóricas da arte do século XXI) que acadou a máxima puntuación por parte do xurado. O Diario Oficial de Galicia publica a resolución deste galardón, dotado con 3.000 euros.

A decisión foi adoptada por unanimidade polo xurado presidido polo director do Centro de Arte Contemporánea, Santiago Olmo, e integrado pola profesora e escritora, Teresa Moure, e a historiadora da arte e profesora, María Álvarez Cebrián. Todos eles valoraron especialmente a calidade literaria do texto e a boa documentación que aborda as transformacións acontecidas na teoría e na práctica artística coa chegada do século XXI.

Tal e como salientaron, Parlamentos de xeo conta cun relato non lineal, onde o autor pretende dar conta dalgunhas das tensións que subxacen ás mutacións teóricas e formais da arte recente. Afonda no final da posmodernidade fronte ao novo marco de pensamento inaugurado no cambio de milenio, a tensión entre o realismo especulativo e a teoría poscolonial e os debates que se derivan dela. Todo iso, para explicar como a arte contribúe aos debates do pensamento e subliñar a súa capacidade para conectar coas preocupacións máis urxentes da sociedade actual.

Ao igual que as obras galardoadas en edicións anteriores, o texto de Sergio Mejide publicarase dentro da serie CGAC_Ensaio, unha colección que naceu vinculada ao Premio CGAC de investigación e ensaio sobre arte contemporánea coa vontade de apostar pola creación ensaística en lingua galega.

Sobre o autor

Sergio Mejide Casas, nado na Coruña en 1996, é doutor en Historia da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela, onde investigou o campo da estética e a teoría da arte. Ademais, publicou en revistas de alto impacto, foi comisario de varias exposicións, participou en numerosos congresos internacionais e realizou estadías de investigación en Francia, Inglaterra e Portugal. Tamén é co-editor de Ruinas y descampados. Contra-historia del paisaje 1 (Abada, 2024) e actualmente colabora co departamento de Arquitectura do Centre Pompidou de París.

Premiados nas edicións anteriores

O Premio CGAC de Investigación e ensaio sobre arte contemporánea creouse en 2018 co obxectivo de promover a creación ensaística en lingua galega no ámbito das artes e a cultura contemporánea. Os textos premiados ata o momento son: A arte está feita dunha materia incerta e fragmentaria, de Rosendo Cid; Tigres en magnolias. A maxia como transformación na arte contemporánea, de María Marco Covelo; Memoria do azul. A afección do contemporáneo, de Laura Calvo Gens; O menor: procesos a-significantes na arte contemporánea, de Matías G. Rodríguez-Mouriño; A caverna baleira. Catálogo de arte inmaterial, imposible e inexistente, de Jorge Fenández Gonzalo, e A escola da noite, de Aitor Marcos.

Comparte