Nova: A Cidade da Cultura lanza un programa expositivo protagonizado pola innovación nas artes dixitais e o impulso ás itinerancias en cidades e vilas galegas

31/01/2025

A Cidade da Cultura lanza un programa expositivo protagonizado pola innovación nas artes dixitais e o impulso ás itinerancias en cidades e vilas galegas

López Campos destaca que a instalación inmersiva sobre Castelao “aproveitará o potencial das tecnoloxías dixitais e da intelixencia artificial para crear unha experiencia sensorial onde interactuar virtualmente coa súa figura co gallo do Ano Castelao”

As novidades da programación expositiva da Cidade da Cultura arrancan en febreiro con ‘Orixes’, unha viaxe virtual a través do tempo e da evolución da vida no planeta Terra, onde achegarse a especies extintas como os grandes dinosauros

Desde o Gaiás desenvolverase en 2025 un programa de itinerancias que na primeira metade do ano incluirá ata sete proxectos en Madrid, A Coruña, Vigo, Pontevedra, Baiona ou Ponteareas

Completan a oferta unha das maiores retrospectivas do pintor pontevedrés Rafael Úbeda, unha exposición monográfica sobre Asorey, ou unha mostra sobre unha das grandes olladas fotográficas da Europa do último século, Boris Savelev

Santiago de Compostela, 31 de xaneiro de 2025

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, avanzou esta mañá o programa expositivo da Cidade da Cultura de Galicia para este ano, que propón unha trintena de mostras, instalacións inmersivas e intervencións artísticas que abrirán as súas portas nos diferentes espazos do Gaiás, pero que chegarán tamén a vilas e cidades de Galicia, así como a Madrid e outros lugares fóra da nosa comunidade.

No ano no que está previsto o remate no Gaiás das obras do primeiro Centro de Artes Dixitais de Galicia, “a Cidade da Cultura realiza unha aposta decidida polas artes dixitais na súa programación expositiva”, avanzou López Campos. Así, a primeira das novidades para este ano será Orixes, unha viaxe virtual e inmersiva para descubrir a evolución da vida no planeta Terra, que abrirá as portas no Museo Gaiás a finais de febreiro.

Esta instalación, que continúa a liña iniciada con Hábitats. Natureza estendida, presenta unha interpretación artística dunha viaxe a través do tempo na que descubrir desde seres vivos que nos acompañan desde hai millóns de anos ata os desaparecidos dinosauros, e propón tamén unha reflexión sobre o impacto da humanidade nos ecosistemas e a necesidade dunha maior conciencia ambiental.

Instalación inmersiva ao redor de Castelao

O titular de Cultura do Goberno galego lembrou a aposta do seu departamento para “situar Galicia na primeira liña das artes dixitais, onde a Cidade da Cultura xogará un papel motor desenvolvendo tamén unha das propostas centrais do programa da Xunta de Galicia para o Ano Castelao”. López Campos salientou que esta instalación, aínda en fase de desenvolvemento, busca “aproveitar o potencial creativo das artes dixitais e as posibilidades das ferramentas de intelixencia artificial para xerar un tipo de experiencia memorable e sorprendente tanto desde o punto de vista tecnolóxico como conceptual”.

A instalación, desenvolvida por empresas galegas, proporá un achegamento á figura e ao universo creativo de Castelao a través da súa obra plástica, mergullando as persoas visitantes nun percorrido sensorial e envolvente ao redor do legado desta figura central da cultura galega, permitindo tamén “interactuar virtualmente con el ou levar consigo unha lembranza única desta experiencia”.

Outra das apostas do Museo Centro Gaiás para este ano será a exposición Mundo expandido, entre o físico e o virtual, un proxecto en colaboración coa Fundación Telefónica concibido para internarse nos límites entre a realidade física e os mundos dixitais, tanto explorando tecnoloxías inmersivas como a realidade virtual, aumentada ou mixta, como a través de audiovisuais, fotografías, pinturas ou instalacións de destacados artistas contemporáneos.

Itinerancias expositivas

Nun acto no que tamén participaron o director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, e a directora xerente da Cidade da Cultura, Ana Isabel Vázquez, o conselleiro avanzou ademais un programa de itinerancias expositivas desenvolvidas desde o Gaiás que, só na primeira metade do ano, incluirá ata sete proxectos en Madrid, A Coruña, Vigo, Pontevedra, Baiona ou Ponteareas.

A estas sumaranse outras que se irán dando a coñecer nos vindeiros meses, “traballando co obxectivo de que a Cidade da Cultura sexa cada vez máis unha Cidade da Cultura de toda Galicia, unha factoría que desenvolve proxectos dos que gozar nos seus espazos físicos, pero tamén para facer circular por centros de toda a comunidade e exportar fóra de Galicia para difundir a nosa cultura”, remarcou López Campos.

Así, á itinerancia xa anunciada da exposición Outras historias posibles a Pontevedra, súmanse dúas no Museo do Mar de Galicia en Vigo, que acollerá unha adaptación de Unha vida viquinga —centrada na vida en Galicia durante a época viquinga— ou a retrospectiva fotográfica do traballo realizado na nosa comunidade polo fotógrafo húngaro Nicolás Muller, un dos grandes documentalistas do pasado século.

Pola súa banda, a instalación inmersiva Hábitats. Natureza estendida poderá visitarse na Coruña a partir da primavera, en colaboración con Afundación, mentres que a mostra fotográfica A Vía da Prata. Aires do Sur, abrirá as súas portas en abril na Casa de Galicia en Madrid.

Museo Centro Gaiás

A directora xerente da Fundación Cidade da Cultura, Ana Isabel Vázquez, destacou tamén que “a posta en valor do noso patrimonio e cultura propia, con proxectos que afonden en grandes nomes das nosas artes plásticas, pero tamén con outras olladas que nos achegan novas perspectivas da nosa terra e da nosa sociedade” será outro dos piares do programa expositivo do Gaiás este ano.

Lembrou así que no outono de 2025 abrirá as súas portas no Gaiás unha exposición monográfica “que afondará no complexo mundo creativo de Francisco Asorey, seguramente o máis destacado escultor de Galicia e un dos grandes renovadores da arte escultórica española do século XX” e que se propón completar a imaxe do Asorey máis coñecido poñendo o foco en obras como as súas escaiolas, cerámicas, ou debuxos.

Antes diso, na primavera, chegarán outros dous proxectos expositivos: en primeiro lugar, unha das maiores retrospectivas do artista pontevedrés Rafael Úbeda, que aos seus máis de 90 anos e aínda en activo é un dos decanos da pintura en Galicia e conta con obras en museos como o Reina Sofía e outras destacadas coleccións, tendo acadado un grande recoñecemento na arte europea, e realizado exposicións en países como Alemaña, Países Baixos, ou Nicaragua. A mostra percorrerá as súas preto de sete décadas de creación artística.

Por outra banda, a Cidade da Cultura acollerá tamén a partir de xuño a retrospectiva máis ampla ata a data dun dos grandes fotógrafos das últimas décadas, o ucraíno asentado en Vigo Boris Savelev, premio PHotoESPAÑA 2024. A mostra recollerá a súa ollada única sobre a vida urbana, entre a realidade e a memoria, que xa forma parte de coleccións internacionais como as do MoMA de Nova York, a Staatsgalerie de Stuttgart, ou The Art Institute of Chicago, entre outras.

Comparte