Nova: O CGAC arranca a tempada expositiva de 2025 coa obra fotográfica de Mar Caldas
31/01/2025
O CGAC arranca a tempada expositiva de 2025 coa obra fotográfica de Mar Caldas
Comisariada por Monse Cea, a exposición afonda no papel das mulleres traballadoras ao longo do tempo
José López Campos celebra a oportunidade de coñecer o traballo desta artista galega nun espazo como o CGAC, que vén de ser recoñecido polo prestixioso Observatorio da Fundación Contemporánea
De xeito complementario a esta mostra, dispoñible ata maio, programaranse actividades como talleres de fotografía ou encontros coa artista
Santiago de Compostela, 31 de xaneiro de 2025
O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, inaugurou hoxe a exposición Mulleres, traballo e memoria coa obra fotográfica de Mar Caldas. Trátase dunha mostra comisariada por Monse Cea coa que o Centro Galego de Arte Contemporánea arranca a tempada expositiva de 2025.
Acompañado polo director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, o representante da Xunta salientou o denso traballo de investigación levado a cabo pola artista viguesa para compoñer este conxunto fotográfico que reivindica as figuras femininas galegas mediante elementos das súas vivencias, así como outros da memoria colectiva. Deste xeito, López Campos puxo o foco na cultura de base, “que se pode atopar reflexada nas imaxes que amosan os traballos no mar e no campo”, onde sinalou que “seguramente moitos vexades claras referencias ás xeracións que nos preceden, como as nosas nais e avoas”.
Neste senso, convidou á cidadanía a coñecer a obra desta artista galega que se atopa recompilada nun espazo como o Centro Galego de Arte Contemporánea, que vén de ser recoñecido polo prestixioso informe do Observatorio da Cultura da Fundación Contemporánea, como unha das mellores propostas culturais de Galicia. Ao abeiro desta distinción, o titular de Cultura gabou o compromiso do Goberno galego por ofrecer unha programación cultural de calidade que foi valorada positivamente polos máis de 400 expertos consultados.
Aberta ata o 25 de maio
A mostra Mulleres, traballo e memoria, que poderá visitarse ata o 25 de maio, traza un percorrido polas obras de Mar Caldas creando novas e adaptando outras preexistentes para o espazo do Centro Galego de Arte Contemporánea. O eixo deste itinerario é o papel das mulleres traballadoras, cun relato construído a través de elementos da memoria persoal e familiar da artista que se entretecen coa memoria colectiva dun pasado histórico aínda recente.
Para completar o programa da exposición, están previstas actividades paralelas como un taller de artista titulado Fotografía familiar e memoria, que se desenvolverá ao longo do mes de febreiro e dará lugar a unha intervención no antigo cemiterio do parque de Bonaval. Ademais, tamén se celebrarán encontros semanais nos meses de marzo e abril, onde a artista reflexionará sobre os eixes temáticos da súa mostra con persoas expertas en diversos ámbitos.