Nova: O ciclo ‘Clásicas desfeitas’ impulsado pola Xunta de Galicia reivindica un retrato máis humano de Ricardo III e de Medea en dúas innovadoras pezas escénicas
![](/sites/default/files/menu_icons_sxcultura/menu_icon_763.png)
01/02/2025
O ciclo ‘Clásicas desfeitas’ impulsado pola Xunta de Galicia reivindica un retrato máis humano de Ricardo III e de Medea en dúas innovadoras pezas escénicas
‘Mala vida e pior morte do rei Ricardo III’ abre o ciclo cunha interpretación audaz e humorística de Evaristo Calvo que fai fronte á lenda negra da traxedia shakesperiana
Helena Varela e Laura Porto reconstrúen en ‘Medea–Mamá–Monstro’ a identidade da figura mitolóxica nunha obra que combina teatro, ‘freak show’ e robótica
Esta iniciativa da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude céntrase en redescubrir clásicos a través das linguaxes da escena contemporánea
Ambos espectáculos empregarán espazos singulares do Gaiás na súa estrea este febreiro e as entradas poden adquirise xa en Ataquilla e no Museo Gaiás
Santiago de Compostela, 1 de febreiro de 2025
A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude promove dúas novas creacións escénicas dentro de Clásicas desfeitas, o ciclo de co-producións iniciativa do Centro Dramático Galego coa Cidade da Cultura. Nesta ocasión, as obras revisan a figura histórica e literaria de Ricardo III e o mito de Medea, para propoñer dous retratos máis humanos de ambos personaxes empregando linguaxes e ferramentas do teatro contemporáneo, que terán a súa estrea este mes de febreiro no Gaiás.
Mala vida e pior morte do rei Ricardo III é o título da peza que compón o volume XII das Clásicas desfeitas, producida pola compañía Excéntricas. O actor e dramaturgo Evaristo Calvo —un dos fundadores do dúo cómico Mofa e Befa— métese na pel do monarca inglés para contarnos unha versión da súa vida que confronta a da traxedia teatral de William Shakespeare e combina humor, lirismo e un marcado tenebrismo na súa posta en escena.
A baixo-cuberta do edificio da Biblioteca de Galicia será o singular escenario do Gaiás no que se presentará a obra ao público os días 21 e 22 de febreiro, con dous pases ás 18,00 e ás 20,00 horas cada día.
Residencias artísticas do Gaiás
Na creación da peza participa un colectivo artístico amplo e multidisciplinar que está a traballar estes días no marco das Residencias Artísticas do Gaiás. Ao cargo da dirección escénica están o seu intérprete, Evaristo Calvo, o director, actor, improvisador e pallaso Antón Coucheiro, e a directora e creadora Alessandra García, gañadora do Premio Max das artes escénicas e do premio El Ojo Crítico de Teatro de RNE en 2022.
A poeta e escritora María Lado participa con Evaristo Calvo na dramaturxia da obra, e a produción conta co asesoramento da recoñecida directora Ana Vallés na parte teatral, e da profesora e investigadora da USC, Cristina Mourón Figueroa no apartado histórico.
As pezas para construír unha nova Medea
A segunda obra que completa esta edición do ciclo será Medea–Mamá–Monstro, volume XIII de Clásicas desfeitas, creación da actriz e produtora Helena Varela e a dramaturga Laura Porto. Unha experiencia escénica que mestura o falso documental co freak show para reunir as pezas coas que compoñer un retrato máis complexo da personaxe mitolóxica.
Arquetipo da muller que consuma unha terrible vinganza en resposta á traizón do seu namorado, para construír esta nova Medea as artistas recorren a fontes literarias diversas, aos testemuños de veciñas e familiares, —como os seus fillos, avós ou o seu ex-marido, Xasón—, e incluso a un intento de resucitala empregando a robótica.
A obra terá dúas funcións, os días 28 de febreiro e 1 de marzo, ás 19,00 horas, e empregará como escenario as zonas de almacén do viveiro e espazo de incubación de proxectos do Centro de Emprendemento Creativo.
As entradas para Mala vida e pior morte do rei Ricardo III e para Medea–Mamá–Monstro están xa á venda, a un prezo de 9 €, en Ataquilla e no despacho de billetes do Museo Centro Gaiás.