Nova: A Cidade da Cultura celebra os 60 anos de historia do graffiti cunha conferencia de ‘Cornbread’, o primeiro grafiteiro contemporáneo

04/02/2025

A Cidade da Cultura celebra os 60 anos de historia do graffiti cunha conferencia de ‘Cornbread’, o primeiro grafiteiro contemporáneo

O estadounidense está considerado o iniciador do ‘tagging’, as características sinaturas coas que enchen paredes escritores de todo o mundo

A charla será este mércores 5 de febreiro no Edificio CINC e estará acompañado de Seor, autora do primeiro graffiti galego pintado en Pontevedra en 1984

A entrada é libre e de balde ata completar capacidade da sala

Santiago de Compostela, 4 de febreiro de 2025

No marco da conmemoración do 60 aniversario do nacemento do graffiti contemporáneo, a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude trae ao Gaiás a Cornbread, artista estadounidense considerado o primeiro grafiteiro contemporáneo e un dos pioneiros deste movemento que transformou a expresión artística e a cultura urbana a nivel mundial.

Darryl A. McCray, coñecido internacionalmente por Cornbread, o nome co que enchía as paredes da súa Filadelfia natal nos anos 60, compartirá a súa historia nunha conferencia este mércores 5 de febreiro ás 17,00 horas no Auditorio 1 do Edificio CINC da Cidade da Cultura. Con este evento, o artista inicia unha xira que o levará por centros culturais de toda Europa.

Estará acompañado por Seor (Beatriz López), autora do primeiro graffiti feito en Galicia en 1984 na cidade de Pontevedra, e os comisarios e investigadores no ámbito do graffiti contemporáneo, Amabel González Troncoso e Balu. A entrada é libre e de balde ata completar a capacidade da sala.

O ‘tagging’ como forma de expresión

Darryl McCray adoptou o seu alcume na adolescencia, pola nostalxia do pan de millo que lle facía a súa avoa durante o tempo que estivo internado nun centro de menores. Con ese nome pintou primeiro a súa camisa e logo as paredes, marcando, sen sabelo, o inicio do tagging e do graffiti moderno en 1965, un fenómeno que se expandiu de Filadelfia a Nova York e de aí ao resto de Europa e do mundo.

Cornbread non só empregaba unha caligrafía moi característica ao deixar o seu nome nas rúas, senón que foi dos primeiros en incorporar elementos que logo se farían populares entre os escritores de graffiti, como a coroa.

No libro Cornbread the Legend - Graffiti in Philadelphia (1965-1971), editado por Maxitype en 2024, reúnense recortes de xornais, debuxos, fotografías e entrevistas que axudan a entender a influencia e o legado do estadounidense, non só no graffiti senón tamén noutros movementos urbanos como o Hip-Hop.

Entre as anécdotas e momentos decisivos que conta o libro está o errado anuncio da morte de Cornbread que fixo a prensa local en 1971, ao cal o artista respondeu cunha serie de accións espectaculares como pintar “Cornbread lives” (Cornbread vive) cun aerosol sobre un elefante no zoo de Filadelfia. Estes feitos tiveron tanta repercusión que catapultaron á fama pública a unha figura que ata entón permanecera no anonimato.

Comparte