Nova: A Xunta promove o uso responsable das tecnoloxías baseadas na intelixencia artificial entre o persoal das bibliotecas públicas

07/02/2025

A Xunta promove o uso responsable das tecnoloxías baseadas na intelixencia artificial entre o persoal das bibliotecas públicas

López Campos salienta a importancia de contar cos coñecementos e as capacidades necesarias para facer un uso consciente e crítico das novas ferramentas

As xornadas ‘Intelixencia artificial: novas posibilidades para as bibliotecas’, acolle a 100 técnicos de toda a comunidade na Cidade da Cultura

Na cita participan institucións vencelladas a algúns dos proxectos máis importantes en Galicia e o resto de España relacionados coa IA, como a Biblioteca Nacional ou a Sociedad Española de Documentación e Información Científica

Santiago de Compostela, 7 febreiro 2025

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, inaugurou hoxe as xornadas técnicas Intelixencia artificial: novas posibilidades para as bibliotecas na Cidade da Cultura. Trátase dunha cita que ten como finalidade debullar os desafíos que as novas tecnoloxías baseadas en intelixencia artificial traen ao traballo diario dos profesionais bibliotecarios.

López Campos salientou “a necesidade de promover a formación especializada dos técnicos das bibliotecas de Galicia neste eido para fomentar un uso responsable da IA”. Ademais, nas xornadas participan institucións de Galicia e o resto de España que están levando a cabo algúns dos estudos ou proxectos máis importantes relacionados con esta tecnoloxía en bibliotecas como a Biblioteca Nacional de España, a Sociedad Española de Documentación e Información Científica, o Centro Español de Derechos Reprográficos, a Fundación March ou a Universidade de Granada. 

“Xa é unha realidade que a intelixencia artificial está a transformar os servizos bibliotecarios, o acceso á información, a xestión documental ou a catalogación”, sinalou o conselleiro antes de engadir que a implantación da IA tamén vai aumentar as posibilidades de traballo nestes eidos.

Neste senso, ao abeiro destas xornadas tamén se abordou o Proxecto Nós, impulsado en colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela, unha iniciativa que, malia non estar directamente relacionada co mundo das bibliotecas, é fundamental para promover a presenza dixital do galego. O seu obxectivo é crear os recursos dixitais e lingüísticos necesarios para facilitar o desenvolvemento de aplicacións baseadas en intelixencia artificial e tecnoloxías da linguaxe  tales como asistentes de voz, tradutores automáticos e axentes conversacionais en galego.

Comparte