Nova: Tarde literaria no Gaiás coa escritora Claudia Piñeiro

22/05/2015

Tarde literaria no Gaiás coa escritora Claudia Piñeiro

O ciclo Nexos da Cidade da Cultura celebra unha sesión especial na que compartir un charla-entrevista coa autora de Las viudas de los jueves

A entrada é de balde mais é preciso inscribirse previamente en www.cidadedacultura.gal

  • Claudia Piñeiro Claudia Piñeiro

Santiago, 22 de maio de 2015.-  A Cidade da Cultura de Galicia invítavos a unha tarde de literatura coa autora arxentina Claudia Piñeiro, coñecida polas súas novelas policiais e autora de libros tan exitosos como Las viudas de los jueves ou Tuya. Este venres haberá unha sesión especial do ciclo de literatura Nexos, que desta volta trasladarase á Sala Eisenman para celebrar un encontro máis íntimo coa escritora, guionista e dramaturga arxentina.

‘Nexos convida…’ arrancará ás 17.30 horas cun café no que os participantes poderán compartir as súas impresións e anécdotas sobre a literatura de Claudia Piñeiro. A segunda parte desta xornada consistirá nun diálogo-entrevista entre a autora arxentina e o escritor e xornalista lucense Luis Pousa, no que ambos os dous disertarán sobre libros pero tamén sobre a relación estreita co cine ou o teatro.

Como todas as sesións de Nexos, a entrada para este encontro con Claudia Piñeiro é de balde mais é preciso reservar praza en www.cidadedacultura.gal.

A raíña do thriller
Claudia Piñeiro (Bos Aires, 1960) está considerada unha das raíñas do thriller actual por historias como Las viudas de los jueves, Tuya ou Betibú, tres historias que deron o salto do papel á pantalla con grande éxito.

Ademais de escritora, Claudia Piñeiro é dramaturga, guionista de televisión e colaboradora de distintos medios gráficos. Obtivo diversos premios nacionais e internacionais pola súa obra literaria, teatral e xornalística. É autora das novelas Las viudas de los jueves, que recibiu o Premio Clarín de Novela 2005; Tuya (2005); Elena sabe, Premio LiBeraturpreis 2010 (Clarín/Alfaguara, 2007), Las grietas de Jara, Premio Sor Juana Inés de la Cruz 2010 (Alfaguara, 2009) e Betibú (Alfaguara, 2011).

Publicou tamén os relatos para nenos Un ladrón entre nosotros, Premio Iberoamericano Fundalectura-Norma 2005, e Serafín, el escritor y la bruja. A súa obra de teatro Cuánto vale una heladera foi estreada no marco do ciclo Teatro pola Identidad 2004 e publicada polo Ministerio de Educación, Ciencia e Tecnoloxía de Arxentina. O seu drama Un mismo árbol verde foi candidato aos premios Florencio Sánchez e María Guerrero, e gañou o premio ACE 2007. As súas obras foron traducidas a varios idiomas e son lidas por milleiros de lectores en diferentes partes do mundo.

Pola súa banda, Luis Pousa é un recoñecido escritor e xornalista galego. Dedicado á prensa desde 1996, actualmente é responsable da sección de Opinión de La Voz de Galicia. Pousa debutou na literatura co poemario O Embigo do mar (2008) e gañou a novena edición do premio literario Fernando Arenas Quintela coa novela La noche de las palabras (2009). É autor de Breviario del bus (Rey Lear, 2013), prologado por Enrique Vila-Matas e ilustrado por Miguel Ángel Martín.

 

Comparte