Nova: A Xunta incrementa ata os 3 M€ a súa principal liña de subvencións ao audiovisual galego

13/02/2025

A Xunta incrementa ata os 3 M€ a súa principal liña de subvencións ao audiovisual galego

O director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, anuncia no Parlamento que mañá sairán publicadas as bases das axudas á produción e coprodución de proxectos audiovisuais

A convocatoria conta cun incremento do 20% respecto da contía autonómica consignada o ano anterior

Santiago de Compostela, 13 de febreiro de 2025

O director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, anunciou no Parlamento de Galicia a publicación mañá mesmo das bases das subvencións á produción e coprodución de proxectos audiovisuais galegos cunha dotación de 3.000.000 de euros, cifra que supón un incremento do 20% respecto á consignada o ano pasado polo Goberno galego para esta liña de apoio.

Na súa comparecencia hoxe diante da Comisión 4ª de Educación e Cultura, o representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude explicou que se trata da principal vía de investimento da Xunta no audiovisual galego a través do seu programa anual de axudas ao sector, que en 2025 ten previstas oito convocatorias.

Sutil incidiu en que a través destas liñas o Goberno galego atende as diferentes fases do proceso audiovisual, fomentando así o crecemento dun “sector puxante” que ten demostrado ser un dos motores das nosas industrias culturais, ao tempo que proxecta internacionalmente a imaxe de Galicia a través de filmes e series de éxito en plataformas e festivais de todo o mundo. No aspecto económico, fixo referencia aos datos do informe publicado polo Clúster Audiovisual Galego en colaboración coa Axencia Galega das Industrias Culturais, segundo o que en 2023 Galicia contaba con máis de 400 empresas activas neste ámbito, xerando arredor de 2500 empregos e unha facturación de máis de 440 millóns de euros.

Axudas de ata 320.000 euros por proxecto

En canto á convocatoria que se publicará mañá no Diario Oficial de Galicia, fixo fincapé en que o obxectivo é dar soporte económico aos diferentes proxectos audiovisuais (longametraxes, curtas ou series) das produtoras galegas, “ben actuando como capital semente para dotalos dunha base sólida a partir da que obter o resto do financiamento, ben para que completen o seu orzamento con esta achega”. Neste mesmo sentido, o responsable de Industrias Culturais engadiu que, froito do diálogo co sector, a modificación máis relevante nas bases deste ano ten que ver co incremento da axuda que pode recibir cada proxecto subvencionado, adecuándoa así ao aumento xeral dos custos de produción: “Por exemplo, nas longas de ficción pasamos de 280.000 euros para as rodadas en versión orixinal galega e de 260.000 euros noutros idiomas, a 320.000 e 300.000 euros, respectivamente”, especificou. Tamén nas series para televisión ou plataformas se pasa de 240.000 ou 260.000 euros a 260.000 ou 280.000 euros, e no caso das curtas en galego supéranse os 15.000 euros consignados ata agora para chegar aos 20.000 euros.

Ademais, a nova convocatoria establece unha dotación de fondos exclusiva para cada tipo de proxecto, coa finalidade de diminuír a discrecionalidade nas adxudicacións, e reformula a tipoloxía de proxectos subvencionables, que quedan distribuídos en cinco categorías segundo sexan longametraxes cinematográficas de ficción e/ou animación, de tipo documental, longas en coprodución internacional con participación minoritaria española, curtametraxes ou series para televisión ou plataformas baixo demanda.

Promoción do galego e do emprego feminino

Ao tempo, o baremo de puntuación dos proxectos continúa priorizando o uso do galego, a participación de mulleres en todos os ámbitos e o emprego de profesionais, recursos e servizos de empresas galegas. Así mesmo, os criterios de selección continúan a estar moi relacionados co territorio en canto ás localizacións de rodaxe, os estudos ou os profesionais creativos, técnicos e artísticos implicados, sen menoscabo da calidade dos contidos e o seu potencial de circulación a nivel estatal e internacional.

Outro dos puntos que Sutil explicou na súa comparecencia foi o relativo ao incremento do 20% no investimento do executivo galego nesta liña de axudas. Deste xeito, asúmense con fondos propios os 500.000 euros adicionais procedentes do Goberno central no marco da Axenda Dixital España 2030, cos que nas convocatorias de 2023 e 2024 se ampliou a dotación inicial de 2,5 millóns de euros.

Coa publicación destas bases, serán seis as convocatorias xa en marcha dentro do programa autonómico de axudas ao sector para 2025. En decembro abríronse as destinadas a proxectos de videoxogos con 150.000 euros e á organización de festivais audiovisuais con 300.000 euros. Seguíronlles as subvencións para laboratorios de creación e desenvolvemento de proxectos con 180.000 euros, as de promoción do talento audiovisual galego con 176.000 euros e as de comercialización e difusión en festivais e foros de negocio especializados con 70.000 euros.

O director de Industrias Culturais adiantou, ademais, as próximas convocatorias do fondo de 2.000.000 euros para a atracción de rodaxes e a dirixida ao desenvolvemento dos proxectos na fase de preprodución con 300.000 euros.

Comparte