Nova: O CGAC ofrece unha mostra da produción artística de tres décadas de Concha Jerez e José Iges

14/02/2025
O CGAC ofrece unha mostra da produción artística de tres décadas de Concha Jerez e José Iges
Comisariada por Alicia Murría, a mostra conta con imaxes fixas e en movemento, sons, fotografías, entrevistas, videoperformance ou documentos, entre outros
A exposición foi presentada esta mañá polo director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, e será inaugurada esta tarde polo conselleiro José López Campos
Continuará aberta ata o mes de setembro e ofrecerase un programa de actividades complementarias como sesións de ‘performance’, unha mesa redonda ou un concerto
Santiago de Compostela, 14 de febreiro de 2025
O Centro Galego de Arte Contemporánea da Xunta de Galicia ofrece desde hoxe a mostra Resignificacións que se poderá ver ata o mes de setembro. Trátase dunha exposición comisariada por Alicia Murría que traza un percorrido pola produción artística de Concha Jerez e José Iges.
Tanto o proxecto expositivo como a programación complementaria foi presentada esta mañá polo director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo. No acto, o representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude gabou o talento dos dous artistas, Concha Jerez, galardoada co Premio Nacional de Artes Plásticas en 2015, entre outros galardóns, e José Iges, recoñecido compositor, intérprete, teórico da arte sonora e, ademais, destacado creador de radioarte.
Ademais, a mostra será inaugurada esta tarde polo Conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, no Centro Galego de Arte Contemporáneo. Aberta ata o 7 de setembro, Resignificacións é unha confluencia de linguaxes onde conviven imaxes fixas e en movemento, sons, fotografías, obxectos reutilizados, entrevistas, obras ideadas para radio, videoperformance ou documentos, Jerez e Igés compoñen unha especie de paisaxes visuais e sonoras que analizano mundo que nos rodea.
Ademais, como complemento ao programa expositivo, están previstas actividades paralelas como unha performance na que participarán os dous artistas mañá, ás 19,00 horas, e outra, o 24 de abril, ás 19,00 horas, onde cada un deles fará a súa propia actuación. Pola súa banda, o 25 de abril, ás 19,00 horas, terá lugar unha mesa redonda sobre o traballo de ambos artistas que contará coa presenza da crítica de arte moderna, Gloria Picazo, o compositor e músico, Miguel Álvarez Fernández, e a comisaria da mostra, Alicia Murría. Ademais, o 3 de xuño, a partir das 20,00 horas, celebrarase no centro museístico o concerto Préstame 88.