Nova: A Xunta promove a cultura audiovisual desde idades temperás coa novena edición de ‘Pequefilmes’

14/02/2025

A Xunta promove a cultura audiovisual desde idades temperás coa novena edición de ‘Pequefilmes’

López Campos sinala que esta proposta “cultiva tanto o gusto polo audiovisual como o espírito crítico da cativada”

Destaca que a programación “volve dar mostra da calidade das producións galegas, tamén no mundo da animación”

Entre as proxeccións atópanse filmes recoñecidos a nivel nacional e internacional, incluída ‘Cafunè’, producida por dous galegos e premiada nos últimos Goya

As curtas poden verse na Cidade da Cultura ata o domingo con entradas dispoñibles en Ataquilla e no despacho de billetes do Museo Gaiás

Santiago de Compostela, 14 de febreiro de 2025

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, participou hoxe na apertura da novena edición do festival de curtametraxes Pequefilmes na Cidade da Cultura, no que se proxectarán máis de 70 películas dunha vintena de países ao longo da fin de semana e onde se agarda unha asistencia de máis de 2.000 persoas.

O representante da Xunta remarcou o compromiso do Goberno galego coa programación de “contidos audiovisuais de calidade para o público infantil e xuvenil cultivando desde idades temperás o gusto polo cinema e o espírito crítico”. Así, tal e como explicou, a rapazada, ademais de espectadora, convértese en xurado, ao decidir co seu voto cales serán as dúas curtas galardoadas cos dous premios do festival.

Neste senso, López Campos lembrou que Pequefilmes é unha das citas audiovisuais para a cativada con maior traxectoria na Comunidade e que, ademais de filmes internacionais, “aposta, como non podía ser doutro xeito, pola animación feita en Galicia, dando conta unha vez máis do excepcional momento que está a vivir o noso audiovisual, tamén no mundo da animación”. Nesta edición o público poderá gozar de Eu vou comigo, unha curta de Chelo Loureiro que aborda cuestións como a igualdade e a violencia machista; da película Aracne (ou a araña que non podía tecer), de Dani Iglesias, que conta a emotiva busca do que podería ser unha nova amiga para a solitaria araña Aracne. Tamén galegos son Carlos Fernández de Vigo e Lorena Ares, os produtores de Cafunè, recente gañadora do Premio Goya á mellor curtametraxe de animación.

Ademais, coa intención de traer a Galicia a mellor animación internacional, Pequefilmes proxectará tamén, fóra de concurso e de maneira gratuíta, unha selección de películas do prestixioso festival francés Clermont-Ferrand, así como pequenas xoias agochadas no catálogo da recoñecida distribuidora internacional especializada en animación MIYU.

Primeiros pasos no mundo do audiovisual

Pequefilmes tamén conta con obradoiros que lle permiten aos nenos e nenas converterse en cineastas por un día a través da técnica das sombras chinesas, impartidos pola ilustradora Iria Fafián. Neles, a cativada poderá deseñar e construír personaxes e escenarios, preparar as súas propias caixas de luz, ensaiar a animación e dobraxe de cada historia e gravar os planos pertinentes para completar a súa propia curta.

A programación do festival abrangue todas as etapas da infancia con tres seccións diferenciadas por idades: Vagalumes, para as pequenas e pequenos de 0 a 3 anos; Miñocas, a partir de 4 anos, e Fanecas, dirixida ás nenas e nenos de 7 anos en adiante.

As entradas poden adquirirse en Ataquilla e no despacho de billetes do Museo Centro Gaiás, así como no propio edificio CINC os mesmos días das sesións. Ademais, na web pode consultarse toda a información detallada.

Comparte