Nova: A Xunta incrementa un 11% o seu apoio ao museo do Pobo Galego ata máis de 500.000€

17/02/2025
A Xunta incrementa un 11% o seu apoio ao museo do Pobo Galego ata máis de 500.000€
- Esta suba supón que a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude achega máis do 50% do orzamento total desta entidade
- Con esta axuda tamén se colabora coa museografía das novas salas de Historia de Galicia, ás que se achegaron preto de 650.000€ desde o ano 2019
- Este compromiso reflíctese no informe avaliado hoxe polo Consello da Xunta no que se dá conta dun incremento nos visitantes en máis do 180% con respecto a 2020
A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude incrementará este ano un 11% o seu apoio ao Museo do Pobo Galego. Así se dá conta no informe avaliado hoxe polo Consello da Xunta no que figura que o investimento para este ano previsto polo Goberno autonómico nesta entidade cultural superará os 500.000€, o que supón unha suba de 50.000€ en relación ao pasado ano.
Tal e como se recolle no documento, con esta suba, máis da metade do orzamento total do Museo do Pobo Galego é achegado pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude. Faise a través dun convenio de colaboración que se leva asinando anualmente desde inicios dos ano 90 e que, no caso concreto deste exercicio, un dos obxectivos será dar continuidade ao traballo emprendido nos últimos anos para reforzar e modernizar o proxecto expositivo.
Deste xeito, ao abeiro deste acordo, a Xunta de Galicia colaborará coa instalación e montaxe das novas salas da sección de Historia de Galicia, tal e como vén facendo desde o ano 2019 cunha achega acumulada de máis de 645.000€ para o acondicionamento, museografía, montaxe e mobiliario destas novas salas.
Esta renovación da salas está tendo un impacto positivo no número de visitantes. Deste xeito, tal e como se recolle no informe, entre os anos 2020 e 2024 rexistrouse un incremento do 180%, superando os 55.000 visitantes anuais.
Ademais da actuación na museografía, o investimento para este ano tamén servirá para facer fronte aos gastos de funcionamento, a intervir nas salas, a levar a cabo actividades didácticas e de conservación, a impulsar publicacións e a organizar as exposicións previstas para os vindeiros meses entre as que se inclúen Historias dun lugar, Cantareiras, Castelao o retorno a Galicia ou A malla de Pascual.
A Xunta de Galicia mantén un compromiso firme con esta institución desde os inicios dos anos 90. Trátase dun apoio motivado polo seu carácter de centro museístico de especial relevancia, pola acción cultural que desenvolve e pola súa significación e as actividades que leva a cabo relacionadas coa conservación, documentación e difusión dos seus fondos.
O compromiso da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude reflíctese no traballo con estes centros, nomeadamente tras a aprobación, en 2021, da Lei de Museos de Galicia coa que se está a mellorar a coordinación das políticas públicas de xestión das 91 institucións museísticas rexistradas actualmente na nosa Comunidade. Ademais, este traballo enmárcase tamén entre os obxectivos da nova Lei de cultura inclusiva de Galicia, un texto pioneiro en Europa que se aprobou por unanimidade o pasado ano para garantir o acceso á cultura de todas as persoas eliminando as barreiras físicas, cognitivas, comunicativas, sociais ou territoriais.