Nova: Anxo M. Lorenzo presenta os novos episodios do podcast literario ‘Entreliñas’

18/02/2025
Anxo M. Lorenzo presenta os novos episodios do podcast literario ‘Entreliñas’
A escritora Fina Casalderrey, as cantareiras ou a celebración do ‘Ano Castelao’ son algunhas das temáticas que se abordan nos oito capítulos deste 2025
Presentados por Eva Mejuto e Luz Pérez Costas, os novos programas comezarán a emitirse en abril nas plataformas Spotify e Ivoox
O director xeral de Cultura destaca que se trata “dunha fórmula atraente para achegarse ao mundo do libro e ás actividades das bibliotecas”
Santiago de Compostela, 18 de febreiro de 2025
O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, presentou hoxe a nova edición do podcast literario Entreliñas, o programa en formato radiofónico impulsado pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude para dar a coñecer a actualidade literaria galega e a actividade das bibliotecas públicas.
Na presentación, o representante da Xunta incidiciu en que se trata “dunha fórmula atraente para achegarnos ao mundo do libro dunha maneira diferente cun formato que se adapta aos tempos de hoxe”. Así, tal e como destacou, polos capítulos de Entreliñas xa teñen pasado autores e autoras como Marilar Aleixandre, Ismael Ramos, Estíbaliz Espinosa, María Solar, Ledicia Costas ou Dores Tembrás. Nesta edición dáse continuidade con nomes como a escritora Fina Casalderrey, que opta ao premio internacional Memorial Astrid Lindgren.
“Os oito capítulos que se emitirán a partir de abril tamén porán o foco nos grandes acontecementos de 2025”, apuntou Anxo M. Lorenzo antes de referirse a celebracións como as Letras Galegas, cun programa dedicado ás cantareiras, ou ao Ano Castelao. A estas temáticas uniranse, ademais, outros capítulos que versarán sobre a literatura de viaxes, o Día das Escritoras con Olga Novo, o traballo de Dorothe Schubart, estudosa da tradición oral galega, ou un percorrido por 130 anos de cinema e libros.
Como novidade nesta edición, introdúcense nos programas, conducidos por Eva Mejuto e Luz Pérez Costas, os clubs de lectura, unha sección na que se recollen os grupos máis senlleiros e orixinais xa sexa pola súa temática ou polos seus integrantes, entre outras cuestións.
Por outra banda, continuando coa liña de anos anteriores, no podcast inclúense lecturas de textos narrativos e poemas, así como recomendacións literarias feitas por persoas do mundo da cultura e un apartado de actualidade no que se dará conta de feiras, eventos, premios ou novidades literarias. Tamén ten cabida a música co obxectivo de dar a coñecer formacións galegas, e continuarase dándolle voz ás bibliotecas públicas galegas e as súas accións.
Entreliñas pode escoitarse a través das plataformas Spotify, Ivoox.