Nova: López Campos recorda a unha Rosalía que “debemos ter sempre presente como símbolo de identidade”

23/02/2025

López Campos recorda a unha Rosalía que “debemos ter sempre presente como símbolo de identidade”

Destaca que os actos institucionais tamén deben servir como incentivo “para que a sociedade se achegue aos autores máis senlleiros para comprender a nosa historia”

Lembra que as bibliotecas xestionadas pola Xunta fomentan o coñecemento da escritora a través dun programa de actividades, especialmente para a cativada

Santiago de Compostela, 23 de febreiro de 2025

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, participou hoxe en Santiago nos actos organizados con motivo do Día de Rosalía, en homenaxe a unha das figuras máis destacadas da cultura galega na data do seu nacemento, no que salientou “a importancia de ter sempre no recordo, non só nas efemérides, ás mulleres e homes que construíron a nosa identidade”, apuntando que “sobre todo, os que temos a responsabilidade institucional nestes momentos de preservar, poñer en valor e difundir o seu legado para o futuro, debemos ter sempre presente o seu exemplo”.

López Campos asistiu, acompañado polo secretario xeral da Lingua, Valentín García, e o director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, á ofrenda floral realizada a carón do monumento a Rosalía localizado na Praza de Vigo da capital galega, onde naceu a escritora. Unha homenaxe que continuou en Bonaval cun acto conmemorativo organizado pola Fundación Rosalía de Castro no Panteón de Galegas e Galegos Ilustres onde se atopa o seu sepulcro. “Estes actos de carácter institucional, ademais  de ser unha lembranza e unha mostra de respecto, supoñen un incentivo para que a sociedade, sobre todo a mocidade, non deixe de achegarse á vida e obra dos nosos autores máis senlleiros para ser quen de comprender a nosa historia”, sinalou López Campos.

Neste senso, o responsable autonómico de Cultura lembrou que “desde o Goberno galego estamos continuamente a fomentar o coñecemento desas figuras que son símbolos para Galicia, sobre todo a través das bibliotecas públicas xestionadas pola Consellería”, referíndose así á programación de actividades relacionadas, neste caso, con Rosalía e que inclúen desde mostras bibliográficas ata obradoiros e contacontos co obxectivo de achegar a súa herdanza a todo tipo de público, especialmente a cativada. 

Xa pola tarde, o secretario xeral da Lingua, Valentín García, participará na ofrenda floral realizada na estatua de Rosalía no Paseo do Espolón de Padrón na novena edición de Caldo de Gloria na Casa Museo Rosalía.

Comparte