Nova: Informe favorable de Icomos para a declaración do Camiño do Norte como Patrimonio da Humanidade

06/05/2015

Informe favorable de Icomos para a declaración do Camiño do Norte como Patrimonio da Humanidade

A decisión deberá ser sometida ao Comité do Patrimonio da Humanidade que se reúne en xullo en Bonn

Santiago, 6 de maio de 2015.- O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, valorou como “moi positiva” a decisión afirmativa por parte da Comisión Avaliadora do Consello Internacional de Monumentos e Sitios Histórico-Artísticos (ICOMOS) para a inclusión do Camiño do Norte na lista do Patrimonio Mundial, o que popularmente se coñece como declaración de Patrimonio da Humanidade ou Mundial, e lle corresponde UNESCO.

En calquera caso o titular de Cultura e Educación da Xunta expresou a súa cautela, pois “se ben se trata do penúltimo banzo, a decisión deberá ser sometida ao Comité do Patrimonio da Humanidade que se reunirá no vindeiro mes de xullo na cidade alemá de Bonn.”

Na elaboración desta candidatura teñen participado as comunidades de Galicia, Asturias, Cantabria, País Vasco e La Rioja, así como o Ministerio de Educación, Cultura y Deporte. Todo o proceso de declaración como Patrimonio Mundial é largo e complicado. En concreto, a UNESCO esixe elaborar un expediente exhaustivo que se somete, ademais, a unha avaliación in situ.

En setembro de 2014 tivo lugar a misión de avaliación de dous técnicos de ICOMOS, desenvolvéndose ao longo dunha semana un intenso programa de visitas que permitiu aos avaliadores coñecer os 16 lugares vencellados ao Camiño de Santiago do Norte propostos para a súa inscrición na Lista do Patrimonio Mundial. No caso de Galicia, estes lugares son a Catedral de Mondoñedo, a Catedral de Lugo, a Muralla romana e o Mosteiro de Sobrado dos Monxes.

Comparte