Nova: O Festival Imaxinaria trae a Galicia co apoio da Xunta as máis destacadas curtas de animación europeas

24/02/2025

O Festival Imaxinaria trae a Galicia co apoio da Xunta as máis destacadas curtas de animación europeas

Celébrase do 12 ao 16 de marzo na Coruña con 43 fitas na Sección Oficial que, na maioría dos casos, se exhiben por vez primeira na nosa Comunidade

A madriña desta terceira edición é a animadora británica Joanna Quinn, referente mundial, quen ofrecerá unha masterclass e participará nun coloquio sobre a súa obra

A Coruña, 24 de febreiro de 2025

O festival internacional de animación Imaxinaria regresa por terceiro ano consecutivo á Coruña para amosarlle ao público galego unha selección das máis destacadas curtametraxes europeas neste ámbito. O certame, organizado por Afundación en colaboración coa Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, desenvolverase do 12 ao 16 de marzo arredor dunha sección competitiva e varias paralelas, como a que se lle dedica este ano á animadora británica Joanna Quinn.

O director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, interveu esta mañá na presentación do evento, durante a que incidiu na súa contribución á difusión do cinema de animación, un ámbito no que Galicia “é desde hai anos unha referencia, tal e como demostra o histórico recente dos premios Goya”, subliñou. O representante da Xunta de Galicia participou no anuncio desta programación xunto ao director xerente de Afundación, Pedro Otero; os responsables da dirección do certame, Alberto Vázquez e Matilde Domínguez, e o director do Banco de Alimentos Rías Altas, Manuel Mora, entidade benéfica á que se lle destina integramente a recadación das entradas.

Na sede coruñesa de Afundación poderán verse as 43 películas a concurso da Sección Oficial, das que 38 proceden de diferentes países europeos e, na súa meirande parte, terán aquí a súa estrea española ou galega. Entre as fitas seleccionadas, figura Sobre el rostro, da galega Uxía Larrosa Villanueva.

Foco Galicia

Galicia conta, así mesmo, co seu propio foco a través do concurso Talento Novo, destinado ás novas xeracións que se están a formar na nosa Comunidade.

En canto ao resto das seccións paralelas, este ano a madriña do festival será Joanna Quinn, recoñecida internacionalmente polo estilo persoal dos seus filmes, polos que ten recibido máis de 90 galardóns nos máis prestixiosos festivais do circuíto internacional. A realizadora británica ofrecerá unha clase maxistral de animación e será a protagonista do coloquio que acompañará unha retrospectiva da súa obra, ademais de recoller o galardón honorífico de Imaxinaria na sesión de clausura do festival.

O encontro recibirá tamén o músico, compositor e animador Coke Rioboó, quen formará parte do xurado da Sección Oficial, ao tempo que será obxecto doutra das retrospectivas do certame, ofrecerá unha charla sobre técnicas de animación e recibirá o premio Activismo en Acción.

O público de Imaxinaria terá igualmente a oportunidade de ver na Coruña o clásico europeo La Planéte Sauvage, cinta francesa de ciencia ficción que en 1973 se alzou co premio especial do xurado no Festival de Cannes, de coñecer os traballos que están a transformar o panorama da animación na sección Novos Horizontes, que este ano convida o artista francés Boris Labbé, e de gozar das proxeccións e obradoiros dos seus programas para escolares e para público familiar.

Comparte