Nova: A Xunta apoia a Talía Teatro na obra ‘Un deus salvaxe’ de Yasmina Reza versionada en galego

25/02/2025

A Xunta apoia a Talía Teatro na obra ‘Un deus salvaxe’ de Yasmina Reza versionada en galego

Artur Trillo dirixe esta produción, inserida no proxecto co que a compañía recibiu unha das axudas á creación escénica na modalidade de actividade plurianual 

María Ordóñez, Dani Trillo, Marta Lado e Toño Casais interpretan este texto da recoñecida autora francesa, levado á gran pantalla por Roman Polanski

Cee (A Coruña), 25 de febreiro de 2025

Talía Teatro, veterana compañía galega orixinaria de Cee, estrea o venres 28 na Casa da Cultura desta localidade o seu espectáculo Un deus salvaxe, versión en galego da coñecida obra da francesa Yasmina Reza, que ten sido representada en escenarios de todo o mundo e levada á gran pantalla por Roman Polanski. Artur Trillo dirixe esta nova produción, que xunto con DeseXo, forma parte do proxecto plurianual polo que a Xunta de Galicia subvencionou a formación na convocatoria de axudas á creación escénica de 2023.

O director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, interveu xunto ao equipo artístico e ás representantes municipais na presentación das primeiras funcións de Un deus salvaxe, que terán lugar o venres e o sábado, ás 20,30 h. no Auditorio Baldomero Cores da Casa da Cultura de Cee, como inicio dunha xira galega que xa ten pechadas unha decena de datas en Ames, Carballo, A Coruña, Santiago de Compostela, Oleiros e Ourense.

A meirande parte destas actuacións están programadas ao abeiro da Rede Galega de Teatros e Auditorios, cofinanciada pola Xunta canda ás 42 entidades locais asociadas e que neste semestre superará as 340 citas escénicas e musicais. Cee é tamén un dos concellos adscritos a este circuíto, dentro do que nos vindeiros meses pasarán pola Casa da Cultura Os Náufragos e Federico Pérez.

Axuda de 100.000 euros

Na súa intervención, o responsable de Industrias Culturais puxo o foco na destacada e ampla traxectoria de Talía Teatro, que avala a axuda de 100.000 euros que lle foi concedida en 2023 dentro da modalidade de proxectos plurianuais das subvencións á creación escénica. O obxectivo desta canle de apoio é facilitar o desenvolvemento a medio prazo da planificación da actividade, tanto empresarial como artística, de formacións xa consolidadas no actual panorama escénico galego. Así, no caso de Talía, contribuíuse á produción e posta en escena tanto de DeseXo, estreada en 2024, como de Un deus salvaxe, coas que ofrecerá máis de 160 funcións nestes dous anos.

Como indica a propia compañía, esta adaptación ao galego da obra de Yasmina Reza reafirma o seu compromiso coa creación de calidade, “combinando humor, crítica social e unha coidada posta en escena”. 

María Ordóñez, Dani Trillo, Marta Lado e Toño Casais danlles vida a uns personaxes cheos de matices, capaces de provocar situacións de certo humor ao tempo que convidan á reflexión sobre as dinámicas familiares, a competitividade e as tensións latentes na sociedade contemporánea.

Comparte