Nova: A Xunta fomenta as artes escénicas e a música nos concellos da provincia de Ourense polos que discorren as rutas xacobeas cunha nova edición do programa ‘Cultura no Camiño’

26/02/2025

A Xunta fomenta as artes escénicas e a música nos concellos da provincia de Ourense polos que discorren as rutas xacobeas cunha nova edición do programa ‘Cultura no Camiño’

Manuel Pardo destacou a aposta da Xunta por fomentar a programación de artes escénicas e a música por parte dos concellos polos que discorren as diferentes rutas xacobeas coa posta en marcha dunha nova convocatoria de axudas dotadas con 250.000 euros

O delegado territorial explicou que estas axudas van destinadas á contratación de espectáculos profesionais galegos de teatro, música, danza, narración oral, circo e maxia que se desenvolverán entre o 15 de xuño e o 31 de agosto deste ano

A concesión realizarase por orde de solicitude e o prazo rematará cando se esgote o crédito ou, en todo caso, ata o próximo 21 de xullo

Con esta convocatoria de axudas, -manifestou Manuel Pardo- a Axencia Galega das Industrias Culturais quere dar resposta á demanda cultural dun público diverso, que poderá gozar de espectáculos e concertos de todos os xéneros ademais de descentralizar a oferta cultural e dinamizar gran parte do territorio galego

Ourense, 26 de febreiro de 2025

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, destacou a aposta da Xunta polo fomento das artes escénicas e da música nos concellos ourensáns polos que discorren as diferentes rutas xacobeas coa posta en marcha dunha nova convocatoria de subvencións do programa Cultura no Camiño dotada con 250.000 euros.

O delegado territorial explicou que estas axudas van destinadas á contratación de espectáculos profesionais galegos de teatro, música, danza, narración oral, circo e maxia que se desenvolverán entre o 15 de xuño e o 31 de agosto deste ano.

Así o fixo esta mañá, acompañado do alcalde, Manuel Ángel Fernández, na súa visita ao concello de Baños de Molgas; un dos trece municipios ourensáns beneficiados das axudas da edición anterior do circuíto Cultura no Camiño, nas que a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude investiu 32.500 euros.

Manuel Pardo explicou que nesta 13ª edición do programa, que vén de lanzarse o pasado 19 de febreiro, os municipios do Camiño de Santiago interesados en participar nesta iniciativa, poderán facelo tanto a título individual como conxuntamente en forma de agrupación, asociación, mancomunidade, fusión ou similar. A concesión realizarase por orde de solicitude e o prazo rematará cando se esgote o crédito ou, en todo caso, ata o próximo 21 de xullo.

O representante do Goberno autonómico detallou que as contías outorgaranse en diferentes porcentaxes segundo o número de habitantes do concello solicitante. Así, a Xunta de Galicia asume ata o 50% do custo dos espectáculos en municipios de menos de 20.000 habitantes, cunha contía máxima de 2.500 euros por adxudicación, e ata o 40% nas entidades que superen esta poboación, cun límite de 3.500 euros por axuda.

O programa Cultura no Camiño

Con esta convocatoria de axudas, -manifestou Manuel Pardo- a Axencia Galega das Industrias Culturais quere dar resposta á demanda cultural dun público diverso, que poderá gozar de espectáculos e concertos de todos os xéneros ademais de descentralizar a oferta cultural e dinamizar gran parte do territorio galego.

O programa Cultura no Camiño ten revalidado nos últimos anos o seu papel como dinamizador da oferta cultural e de ocio ao pé do Camiño de Santiago durante os meses de maior afluencia de visitantes, ademais de como impulsor da contratación de espectáculos profesionais producidos na nosa Comunidade. Así, no verán de 2024 a 12ª edición desenvolveu unha carteleira con máis de 300 citas escénicas e musicais en 88 municipios a cargo de 140 formacións artísticas galegas.

Comparte