Nova: A Xunta adxudica por case 561.000 euros as obras de restauración da cúpula da igrexa do Colexio do Cardeal de Monforte de Lemos

27/02/2025

A Xunta adxudica por case 561.000 euros as obras de restauración da cúpula da igrexa do Colexio do Cardeal de Monforte de Lemos

O delegado territorial, Javier Arias, explica que o obxectivo principal é resolver os problemas de estanquidade e corrixir as patoloxías que supoñen un risco para a conservación deste espazo

Monforte de Lemos (Lugo), 27 de febreiro de 2025

A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude adxudicou por un orzamento de 560.822 euros as obras de restauración da cúpula da igrexa do Colexio do Cardeal, en Monforte de Lemos.

O delegado territorial da Xunta, Javier Arias, visitou hoxe o inmoble, onde anunciou que a resolución acaba de ser publicada na plataforma de contratación pública de Galicia. Unha vez formalizado o contrato, estímase que o prazo de execución será de nove meses.

O obxectivo principal da actuación é resolver os problemas de estanquidade na cúpula da igrexa, que están afectando á súa integridade, e outros relacionados co aspecto e conservación das fábricas de pedra.

Arias destacou que este é un novo paso do Goberno galego para garantir a conservación do Colexio do Cardeal, onde nos últimos anos a Xunta realizou importantes investimentos para acometer diferentes obras de rehabilitación e posta en valor. O inmoble, tamén coñecido como Colexio de Nosa Señora da Antiga e dos Pais Escolapios, conta coa declaración de Ben de Interese Cultural dende o ano 2021.

Actuacións previstas

Pese a que os estudos estruturais realizados polo de agora indican que a estabilidade da cúpula non se ve comprometida, previamente avaliarase a repercusión do peso das estadas necesarias para executar a actuación.

Co obxecto de valorar con precisión o grao de deterioro das fábricas e as súas necesidades de consolidación, farase un estudo petrolóxico. En canto aos rexuntados e selados inadecuados, estes eliminaranse – con anterioridade realizarase unha campaña de probas para comprobar a metodoloxía apropiada - e procederase a un novo selado e rexuntado de gretas con métodos e materiais axeitados.

Entre as principais actuacións figura tamén a limpeza da abundante sucidade e colonización biolóxica que afecta ás fábricas; aplicación dun tratamento de impermeabilización; reposición de material pétreo que falta de maneira localizada nalgunhas pezas; así como a substitución das ventás da lanterna e do tambor cunha solución de carpintería que permita a ventilación da cúpula. Ademais revisaranse elementos como grampados metálicos e cableado.

Todas estas intervencións buscan corrixir as patoloxías que poñen en risco a conservación do inmoble. En concreto, pretenden resolver os problemas de deterioro e filtracións de auga que se están a producir por distintos puntos da cúpula da igrexa, que conserva as gretas provocadas polo terremoto de Lisboa en 1755 e outros danos ocasionados por un raio nos anos 80 do século pasado.

Comparte