Nova: A Xunta lanza a convocatoria para a selección dos espectáculos que se amosarán en ‘Galicia Escena Pro’ do 2 ao 5 de xuño

03/03/2025
A Xunta lanza a convocatoria para a selección dos espectáculos que se amosarán en ‘Galicia Escena Pro’ do 2 ao 5 de xuño
A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude e a asociación Escena Galega organizan en Santiago de Compostela a 12ª edición deste mercado profesional de artes escénicas co obxectivo de dinamizar a contratación das producións galegas
Ábrese ata o 13 de marzo o prazo de inscrición para que as compañías profesionais fagan chegar as súas propostas de teatro, danza, circo ou maxia
Santiago de Compostela, 3 de marzo de 2025
O sector galego das artes escénicas darase cita do 2 ao 5 de xuño en Santiago de Compostela con motivo da 12ª edición do encontro profesional Galicia Escena Pro, que acaba de poñer en marcha convocatoria para a selección do seu programa de espectáculos. A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude volve organizar este mercado galego das artes escénicas xunto coa asociación empresarial Escena Galega co obxectivo de dinamizar a contratación das producións das compañías galegas tanto dentro como fóra da nosa Comunidade, así como de impulsar a súa proxección social.
Ata o 13 de marzo permanecerá aberto o prazo de inscrición de propostas galegas de teatro, danza, circo e maxia cara á configuración da carteleira de exhibición que se amosará diante de responsables de programación de festivais, feiras, circuítos e espazos culturais de toda Galicia e do resto da península ibérica, ademais de se compartir tamén co público xeral.
Unha comisión artística integrada por profesionais do sector será a encargada de elixir os títulos que se amosarán no mercado, ben no seu formato completo ben en presentacións breves tipo pitching. No primeiro dos casos, poderán rexistrarse tanto espectáculos estreados entre o 1 de maio de 2024 e o 1 de xuño de 2025 como os que o fagan no marco de Galicia Escena PRO, mentres que ás presentacións curtas poderán optar proxectos aínda en desenvolvemento.
Como en anos anteriores, os espectáculos galegos configurarán o núcleo central desta 12ª edición do mercado, na que tamén se poderán ver montaxes procedentes doutros puntos de España en virtude do intercambio con mostras e feiras doutras comunidades autónomas. Así mesmo, Galicia Escena PRO funciona como espazo para o debate, a reflexión e o encontro profesional arredor das diferentes disciplinas e procesos que conforman este sector.