Nova: A Xunta destina 250.000€ para colaborar co sector do libro na edición, distribución e comercialización de obras

07/03/2025

A Xunta destina 250.000€ para colaborar co sector do libro na edición, distribución e comercialización de obras

Esta convocatoria forma parte do compromiso da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude con estes profesionais aos que, en total, destina 3M€

O prazo de solicitude estará aberto desde o 12 de marzo ata o 11 de abril e o importe máximo será de 25.000€

Santiago de Compostela, 7 de marzo de 2025

A Xunta de Galicia acaba de publicar a nova orde de axudas dotada con 250.000 euros dirixida ao sector editorial galego co obxectivo de impulsar a distribución das obras editadas e, deste xeito, facilitar que cheguen ao público lector. Trátase dunha medida que pon de manifesto o compromiso da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude con estes profesionais aos que destina, en total, máis de 3M€ no impulso do sector do libro e a lectura.

Tal e como se establece na orde publicada no Diario Oficial de Galicia, as axudas van dirixidas á edición, distribución e comercialización das publicacións realizadas entre o 1 de outubro de 2024 e o 30 de setembro de 2025. Cada editorial poderá solicitar axudas para un máximo de 15 libros e o importe máximo adxudicado a cada unha delas non superará os 25.000 euros. Esta achega sufragará os gastos derivados de actividades como a  tradución e corrección, revisión, maquetación, custes de preimpresión e dixitalización, accións de comercialización como campañas de marketing e de publicidade en diferentes medios e canles ou gastos de distribución.

A esta convocatoria poderán presentarse desde o 12 de marzo ata o 11 de abril, que se pechará o prazo de solicitudes as empresas editoriais que desenvolvan a súa actividade en Galicia. Os libros obxecto de axuda deberán cumprir cunha serie de requisitos como estar editados en Galicia e comercializados a través de librarías ou doutras plataformas de distribución física ou dixital, contar unha tiraxe mínima de 400 exemplares que, no caso das obras de poesía, teatro e ensaio, serán un mínimo de 200.

Ademais, tamén terán que contar cun plan de distribución e comercialización en España ou fóra, ser a primeira edición dunha obra inédita ou ben dunha cuxa última edición na lingua que se propón publicar teña unha antigüidade de máis de 15 anos e posuír un mínimo de 60 páxinas por exemplar, a excepción dos libros infantís, de teatro e de poesía.

Impulso ao sector cultural galego

Esta acción enmárcase no compromiso da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude na promoción do sector cultural galego en todas as súas vertentes. Ademais das axudas á distribución e ás feiras a Xunta mantén tamén outras convocatorias para o sector do libro como as dirixidas ás librarías para o apoio á difusión da lectura, ou o apoio ás Feiras do Libro de Galicia con 13 paradas en distintas cidades e vilas, o impulso á dinamización da lectura nas bibliotecas municipais, tradución de obras, adquisición de novidades editoriais e subvencións ás empresas editoriais que acadan, en conxunto, máis de 3M€.

Comparte