Nova: A Xunta conclúe a declaración do entroido como Ben de Interese Cultural coa publicación hoxe no DOG

11/03/2025

A Xunta conclúe a declaración do entroido como Ben de Interese Cultural coa publicación hoxe no DOG

A Xunta concédelle este recoñecemento na categoría de patrimonio inmaterial tendo en conta a súa “fonda carga histórica, etnográfica e cultural”

A consellería de Cultura, Lingua e Xuventude culmina así o procedemento iniciado en 2024 para recoñecer a riqueza desta celebración e as súas funcións sociocomunitarias “reafirmando lazos de identidade”

Nas medidas para a súa protección e transmisión recoméndase incorporalo ao ensino formal e non formal e crear un repositorio de testemuños e material audiovisual

Conta con informes favorables do Consello da Cultura Galega e do Museo do Pobo Galego e non ten ningunha alegación

Santiago de Compostela, 11 de marzo

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a declaración do Entroido galego como Ben de Interese Cultural, polo que, deste xeito, a Xunta de Galicia conclúe todo o proceso deste recoñecemento co que se acredita o seu valor sobranceiro como patrimonio inmaterial do pobo galego, e que supón a aplicación do réxime de tutela da Lei de Patrimonio cultural e, polo tanto, conseguir o maior nivel de protección.

A culminación deste procedemento chega tras visto e prace a este decreto por parte do Consello da Xunta o pasado luns, 3 de marzo, e logo de recibir os informes favorables do Consello da Cultura Galega e do Museo do Pobo galego, sen que se tivese rexistrado ningunha alegación. Deste xeito, a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude culmina o proceso iniciado en 2024 para darlle esta distinción ao Entroido galego como recoñecemento á súa “fonda carga histórica, etnográfica e cultural”. De igual forma, faise fincapé no seu “grande aporte” ao patrimonio inmaterial, á vez que tamén se recolle a súa relevante presenza nas artes e nas letras, dentro e fóra da nosa Comunidade. 

Ademais, o decreto salienta a multitude de funcións sociocomunitarias e culturais que cumpre o Entroido. Neste senso, pon en valor o seu papel para “reafirmar os lazos de identidade colectiva dun lugar, aldea, parroquia ou concello, a través da manifestación dun espírito lúdico e trouleiro” e, desta forma, favorecer nunha comunidade “a sociabilidade, a integración e inclusión social e unha rica convivencia interxeracional”.

Nesta declaración de Ben de Interese Cultural tamén se enxalza a riqueza, diversidade e multitude de expresións singulares propias do Entroido, facendo fincapé na súa “pluralidade e extensión por todo o territorio galego”. De feito, cómpre recordar que un total de 191 dos 313 concellos galegos (61 %) escolle unha data vencellada ao Entroido como festivo local.

Con esta aprobación xa son 784 os Bens de Interese Cultura existentes en Galicia. Deles 111 foron declarados desde a entrada en vigor da Lei de Patrimonio Cultural de 2016, unha cifra que reflicte o importante compromiso do Goberno por protexer, conservar e pór en valor o patrimonio sobranceiro da Comunidade.

Ampla distinción á celebración

Consecuentemente, a consideración de Ben de Interese Cultural realízase nun senso amplo para toda a celebración do Entroido en Galicia, e non circunscrita a uns festexos en concretos. Precisamente, hai que ter conta que algúns deles xa contan con esta distinción como son os de Santiago de Arriba (Chantada), Salcedo (A Proba do Brollón) e Esgos, declarados BIC no marco da declaración da paisaxe cultural da Ribeira Sacra aprobada en 2018.

A maiores, o decreto ten en conta que varios entroidos teñen recoñecemento como festas de interese turístico. Trátase dos de Xinzo de Limia, que é de interese turístico internacional; do de Verín, de interese turístico nacional; e outros nove entroidos que están recoñecidos como festas de interese turístico de Galicia: Cobres, Laza, Viana do Bolo, o Folión tradicional do Entroido de Manzaneda, os Xenerais da Ulla, Maceda, Vilariño de Conso, Foz e o Enterro da Sardiña de Marín.

Gastronomía e máscaras

Na distinción de Ben de Interese Cultural tamén están moi presentes os vencellos coa gastronomía, pola súa relevancia na vida social nunha comunidade. Así, na actualidade, existen cinco festas gastronómicas de interese turístico relacionadas co Entroido: a Feira do Cocido de Lalín, festa de interese turístico internacional, as festas da Filloa de Lestedo, do Lacón con Grelos de Cuntis, da Androlla de Viana do Bolo e do Botelo do Barco de Valdeorras. 

Por outro lado, este recoñecemento dálle relevancia ao emprego da máscara como un elemento entroidístico característico, que se vencella sobre todo coas raíces rurais deste festexo cultural e lúdico, aínda que o seu uso se ten espallado por determinados carnavais urbanos de Galicia.

Asemade, o decreto pon en valor que no Entroido hai unha serie de ritos, cunhas normas, expresións e materialidade que “mudan e se adaptan aos tempos, constituíndo un patrimonio cultural vivo e valioso para comunidades, grupos e persoas de Galicia”.

Medidas de salvagarda: incorporalo ao ensino e crear un repositorio

O decreto tamén recolle unha serie de medidas de salvagarda para a preservación, transmisión e revitalización deste Ben de Interese cultural.  En consecuencia, recóllese a conveniencia de proceder ao arquivo e sistematización de documentos relacionados con este patrimonio para poder ter “unha comprensión máis eficaz e completa” e garantir a súa preservación futura. Ao respecto, tamén se recomenda que se incorpore ao ensino “tanto formal como non formal” e se poña en marcha un repositorio do Entroido galego coa documentación, testemuños, material audiovisual e outros rexistros de interese.

 

Comparte