Nova: Xunta e Deputación de Pontevedra presentan os usos do teatro Cine Fraga para erixilo nun “referente cultural de primeiro orde” no noroeste peninsular

11/03/2025
Xunta e Deputación de Pontevedra presentan os usos do teatro Cine Fraga para erixilo nun “referente cultural de primeiro orde” no noroeste peninsular
López Campos avanza as liñas estratéxicas deseñadas para convertelo en “epicentro de innovación cultural da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal”
O responsable de Cultura agradece as “valiosas achegas” da cidadanía que son “tidas en conta" na futura programación escénica, musical, audiovisual e literaria
Anuncia que se tirará proveito dos 7.000 metros cadrados deste emblemático edificio para ofrecer espectáculos con capacidade de entre 860 e 2.000 persoas
Os representantes das administracións destacan a creación de residencias literarias, laboratorios creativos e programas formativos para favorecer a profesionalización e fortalecemento do sector
Anuncian a posta en marcha dun club infantil e de actividades e obradoiros dirixidos á cativada e á mocidade que “estimulará e consolidará novos públicos”
Adiantan que se contará cunha sala expositiva permanente co obxecto de pór en valor os vencellos do inmoble co desenvolvemento do cinema en Vigo e na Comunidade
Vigo, 11 de marzo de 2025
A Xunta e a Deputación de Pontevedra teñen xa deseñados os usos que se lle van dar ao Teatro Cine Fraga, co obxecto de converter este edificio emblemático de Vigo “nun espazo cultural de primeiro nivel e referente do noroeste peninsular”. Así o deron a coñecer o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, e a vicepresidenta deste organismo provincial, Luisa Sánchez, durante a presentación pública, na cidade olívica, desta folla de ruta, enriquecida coas propostas de particulares e entidades que fixeron as súas suxestións a través da campaña, presencial e virtual, O mellor espazo busca o mellor contido.
Precisamente, o responsable de Cultura agradeceu as “valiosas achegas” feitas pola cidadanía que son “tidas en conta” na “ampla e variada” futura programación escénica, musical, audiovisual e literaria que vai desenvolver. Neste liña, precisou que o Teatro Cine Fraga non vai ser só un espazo de difusión cultural, “senón un viveiro de creación e experimentación para converterse en epicentro de innovación cultural da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal”.
Deste xeito, adiantou que a recuperación que proxecta a Xunta e a Deputación de Pontevedra pasa por transformalo nun espazo arquitectónico “flexible e polivalente que favoreza a produción e experimentación”, a través de obradoiros e laboratorios de ideas vencelladas ás artes musicais, audiovisuais, e literarias. Nesta liña, anunciou a posta en marcha de residencia artísticas para profesionais locais e tamén de todo o noroeste peninsular, “dándolle así pulo e espazo aos creadores da cidade e contorna, pero tamén propiciando sinerxías e colaboracións entre artistas do territorio galego, do resto de España e de Portugal”.
Ademais, tamén puxo en valor que esta proxección e impulso da creatividade se complementará con actividades formativas co obxecto de que “favorezan a profesionalización deste sector” o que interpretou que , consecuentemente, “repercutirá no seu desenvolvemento social e económico”.
Sala polivalente de ata 2000 persoas para teatro, concertos ou cinema
Durante a exposición pública deste plan de usos, os representantes de ambas dúas administracións salientaron sobre todo “o dinamismo arquitectónico” dos 7.000 metros cadrados cos que conta edificio, do que asegurou que “se tirará o máximo proveito para optimizalo”.
En concreto, apuntaron que se disporá dunha sala que se transformará para acoller tanto espectáculos teatrais, como concertos ou cinema, ao contar cun espazo flexible cunha capacidade para 860 persoas, cinguíndose só ao emprego de butacas, “pero que permite albergar ata un total de 2.006, ao ser posible a retirada de parte dos asentos para certos espectáculos”, aclararon.
Espazo museístico homenaxe ao cinema e a Isaac Fraga
Adiantaron tamén que o Teatro Cine Fraga vai contar cun espazo museístico, do que precisou que, “a pesar do seu pequeno tamaño, terá un alto valor cultural”. Ao respecto, lembraron que irá destinada “a preservar, destacar e compartir os vencellos deste edificio co desenvolvemento do cinema na cidade olívica e Galicia”. Neste senso, o conselleiro lembrou que este inmoble foi encargado hai máis de 80 anos por Isaac Fraga, “un dos exhibidores cinematográficos máis importantes na Comunidade naquela época”.
Desta forma, valoraron que nesta sala se vai mostrar “a memoria viva” da cultura audiovisual de Vigo e da Comunidade, ao tempo que confirmou que está prevista a recuperación do histórico órgano de cine, “único que hai en España para acompañar as proxeccións”.
Creación e coidado de novos públicos e creadores culturais
De igual xeito, o responsable de Cultura da Xunta fixo fincapé en que nestas liñas estratéxicas dáselle relevancia á inclusión dunha educación cultural temperá, “garantido a participación activa e consciente da infancia na vida cultural, como un xeito de coidar, alimentar e consolidar novos públicos e tamén creadores culturais”.
Neste senso, tamén deu a coñecer a posta en marcha de actividades e obradoiros dirixidos á infancia e á mocidade “que estimulen a creatividade e a experimentación, vencellados á escritura creativa, a composición musical e a produción audiovisual”. Ademais, celebrou a creación dun club infantil, “que permita á cativada asistir e participar en eventos culturais que programe o Teatro Cine Fraga”.
Para concluír sobre os detalles do plan de usos, López Campos detallou que a cafetería, ademais de servir de punto de encontro informal entre a cidadanía e este novo espazo cultural, “se vai habilitar para determinados eventos e o desenvolvemento dunha programación concreta”.
Exemplo de compromiso do Goberno galego coa cidade de Vigo
Finalmente, o conselleiro de Cultura subliñou que a recuperación do Teatro Cine Fraga é “un exemplo do compromiso do Goberno galego coa cidade de Vigo”, como salientou que xa se fixo con outras infraestruturas.
Así, lembrou a execución do Hospital Álvaro Cunqueiro, a reforma do Hospital Xeral de Vigo para acoller a Cidade da Xustiza ou como coas obras de rehabilitación do edificio dos antigos xulgados da rúa Lalín. Neste último caso, segundo apuntou, co obxecto de pór á disposición da cidadanía un edificio multiúsos para darlle espazo a entidades socioculturais, ademais do Centro Integral de Saúde Olimpia Valencia.