Nova: López Campos salienta que coa recuperación do Teatro Fraga a Xunta cumpre coa demanda cidadá dunha programación cultural de calidade en Vigo

12/03/2025
López Campos salienta que coa recuperación do Teatro Fraga a Xunta cumpre coa demanda cidadá dunha programación cultural de calidade en Vigo
O responsable de Cultura pon en valor que, transcorrido menos dun ano da súa adquisición xunto coa Deputación de Pontevedra, xa se teñen perfilados os contidos
Asegura que as liñas estratéxicas deseñadas converterán este edificio emblemático no “epicentro de innovación cultural da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal”
Agradece as “valiosas achegas” da cidadanía que serán tidas en conta na futura programación escénica, musical, audiovisual e literaria
Anuncia que se tirará o máximo proveito dos seus 7.000 metros cadrados para ofrecer espectáculos con capacidade de entre 860 e 2.000 persoas
Destaca a creación de residencias literarias, laboratorios creativos e programas formativos para favorecer a profesionalización e fortalecemento do sector
Adianta a creación dun club infantil e a posta en marcha de obradoiros dirixidos á cativada e á mocidade para estimular e consolidar novos públicos
Este ben histórico contará cunha sala expositiva permanente para pór en valor os seus vencellos co desenvolvemento do cinema en Vigo e na Comunidade
Santiago de Compostela, 12 de marzo de 2025
O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, salientou hoxe que, coa recuperación do Teatro Cine Fraga, a Xunta de Galicia “cumpre coa demanda cidadá dunha programación cultural ambiciosa e de calidade” en Vigo e na súa contorna. Así o aseverou nunha resposta no Pleno do Parlamento de Galicia ao respecto do plan de usos para este edificio emblemático que o Executivo autonómico xa ten deseñado, da man da Deputación de Pontevedra, para convertelo nun espazo escénico, musical, audiovisual e literario “de primeiro nivel e referente do noroeste peninsular”.
Precisamente, o responsable de Cultura enxalzou o feito de que, “transcorrido menos dun ano” da súa adquisición, xa se conta con esta folla de ruta coas liñas estratéxicas sobre os seus contidos e programación. Neste senso, precisou que se tiveron en conta as “valiosas achegas e suxestións” da cidadanía e a comunidade cultural, “ás que se involucrou activamente”, en referencia á campaña, presencial e virtual, O mellor espazo busca o mellor contido.
“O Goberno galego cumpriu coa palabra dada de recuperar este edificio emblemático e de que se ía escoitar ao sector cultural e a todas as persoas que queren formar parte deste proxecto”, subliñou López Campos, quen fixo fincapé en que, neste proceso aberto, á cidadanía lle trasladou á Consellería de Cultura a necesidade de que o Teatro Cine Fraga se activase para “encher un oco e paliar unha necesidade de programación cultural de calidade” para a cidade de Vigo e a súa contorna. Unha demanda neste eido que, segundo lamentou, tamén reflicten os últimos datos dos Observatorios da Cultura, tanto da Fundación Contemporánea como do Consello da Cultura Galega, respectivamente.
“Desde a Xunta non só imos dar resposta esta demanda e ateigar de cultura os 7.000 metros cadrados deste inmoble histórico, senón que o imos a erixir no epicentro de innovación cultural da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal”, comprometeuse o conselleiro.
Espectáculos para entre 860 e 2000 persoas
Deste xeito, anunciou que o Teatro Cine Fraga disporá dunha sala flexible para acoller tanto espectáculos teatrais, como concertos ou cinema, cunha capacidade para 860 persoas, cinguíndose só ao emprego de butacas, “pero que permite albergar ata un total de 2.006 asistentes, ao ser posible a retirada de parte dos asentos para certos espectáculos”, precisou.
En todo caso, o conselleiro aclarou que o Teatro Cine Fraga non vai ser só un espazo de difusión cultural, “senón un viveiro de creación e experimentación”. Consecuentemente, acollerá obradoiros e laboratorios de ideas vencelladas ás artes musicais, audiovisuais, e literarias. Ademais, adiantou que se poñerán en marcha residencias artísticas e actividades formativas co obxecto de que favorezan a profesionalización deste sector.
De igual forma, o responsable de Cultura da Xunta fixo fincapé en que nestas liñas estratéxicas dáselle relevancia á inclusión dunha educación cultural temperá. Para iso, crearase un club infantil e desenvolveranse actividades dirixidas especificamente á catividade e á mocidade.
López Campos tamén puxo en valor que se vai habilitar un espazo museístico dedicado aos vencellos deste inmoble co desenvolvemento do cinema en Vigo e en Galicia, á vez que se vai recuperar o histórico órgano de cine que acompañaba as proxeccións. Cómpre lembrar que o edificio foi encargado hai máis de 80 anos por Isaac Fraga, un dos exhibidores cinematográficos máis importantes na Comunidade naquela época.
Exemplo de compromiso do Goberno galego coa cidade de Vigo
Finalmente, o conselleiro de Cultura encadrou a recuperación do Teatro Cine Fraga co apoio e esforzos que o Goberno galego está a facer noutras infraestruturas da cidade. Así, lembrou a execución do Hospital Álvaro Cunqueiro, a reforma do Hospital Xeral de Vigo para acoller a Cidade da Xustiza ou como coas obras de rehabilitación do edificio dos antigos xulgados da rúa Lalín. Neste último caso, segundo apuntou, co obxecto de pór á disposición da cidadanía un edificio multiúsos para darlle espazo a entidades socioculturais, ademais do Centro Integral de Saúde Olimpia Valencia.