Nova: A Xunta reafirma o seu compromiso co Museo do Pobo Galego a través dunha achega de máis de 500.000 €

13/03/2025
A Xunta reafirma o seu compromiso co Museo do Pobo Galego a través dunha achega de máis de 500.000 €
O representante do Goberno autonómico destaca “a especial relevancia desta institución polo seu labor didáctico e de promoción da nosa cultura”
Ao abeiro desta achega, que se incrementa nun 11%, continuarase co proxecto museográfico das novas salas de Historia de Galicia
O compromiso con esta entidade reflicte un impacto positivo que se traduce no aumento de máis do 180% no número de visitantes con respecto a 2020
Santiago de Compostela, 13 de marzo de 2025
O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, e a presidenta do Padroado do Museo do Pobo Galego, Concha Losada, asinaron hoxe un novo convenio de colaboración co que a Xunta reafirma o seu compromiso con esta entidade a través dunha nova achega de máis de 500.000€. O Goberno galego aumenta así un 11% a súa colaboración, posibilitando que se continúe coa museografía das novas salas de Historia de Galicia, así como levar a cabo tarefas de conservación e acondicionamento.
No acto de sinatura, que tivo lugar no propio Museo, o titular de Cultura da Xunta destacou “a especial relevancia desta institución polo seu labor didáctico e de promoción da nosa cultura”. “O Museo do Pobo Galego é unha das institucións culturais de referencia de Galicia que realiza un traballo fundamental na conservación e na divulgación da nosa identidade e da cultura popular”, salientou López Campos antes de poñer en valor “as conexións académicas e investigadoras que se fan desde este espazo a outros puntos de Galicia ou de Portugal”.
É precisamente esta relevancia, tal e como destacou, sobre a que se asenta o compromiso da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, vixente desde os anos 90. Nesta ocasión, a achega destinarase a continuar o traballo emprendido nos últimos anos para reforzar e modernizar o proxecto expositivo. Deste xeito, a Xunta de Galicia colaborará coa instalación e montaxe das novas salas da sección de Historia de Galicia, tal e como vén facendo desde o ano 2019 cunha achega acumulada de máis de 645.000€ para o acondicionamento, museografía, montaxe e mobiliario destas novas salas.
Por outra banda, o conselleiro de Cultura puxo en valor o impacto positivo que está tendo a renovación das salas no número de visitas. Proba disto é que, entre os anos 2020 e 2024, o Museo do Pobo Galego rexistrou un incremento do 180%, superando os 55.000 visitantes.
Ademais da actuación na museografía, o investimento para este ano tamén servirá para facer fronte aos gastos de funcionamento, a intervir nas salas, a levar a cabo actividades didácticas e de conservación, a impulsar publicacións e a organizar as exposicións previstas para os vindeiros meses entre as que se inclúen Historias dun lugar, Cantareiras, Castelao o retorno a Galicia ou A malla de Pascual.
O compromiso da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude reflíctese no traballo con estes centros, nomeadamente tras a aprobación, en 2021, da Lei de Museos de Galicia coa que se está a mellorar a coordinación das políticas públicas de xestión das 91 institucións museísticas rexistradas actualmente na nosa Comunidade. Ademais, este traballo enmárcase tamén entre os obxectivos da nova Lei de cultura inclusiva de Galicia, un texto pioneiro en Europa que se aprobou por unanimidade o pasado ano para garantir o acceso á cultura de todas as persoas eliminando as barreiras físicas, cognitivas, comunicativas, sociais ou territoriais.