Nova: A Xunta organiza un encontro de profesionais do audiovisual co director da Seminci de Valladolid

13/03/2025

A Xunta organiza un encontro de profesionais do audiovisual co director da Seminci de Valladolid

A iniciativa forma parte do programa formativo Galicia ProFilme da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, que abre unha nova sección na Filmoteca de Galicia

José Luis Cienfuegos é o convidado inaugural para levar a cabo o próximo 17 de marzo a primeira sesión de ‘Luns na Filmoteca’

Santiago de Compostela, 13 de marzo de 2025

A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, pon en marcha unha nova sección do programa formativo e de intercambio de coñecemento Galicia ProFilme, que baixo o título Luns na Filmoteca propiciará o encontro dos profesionais galegos do sector con figuras claves da industria audiovisual. José Luis Cienfuegos, director da Semana Internacional de Cine de Valladolid, é o convidado á primeira sesión, que se desenvolverá na sala José Sellier da sede da cinemateca galega, na Coruña, o vindeiro 17 de marzo ás 16,00 h.

Luns na Filmoteca terá unha periodicidade mensual e o seu obxectivo é centrarse especificamente nos diferentes aspectos a ter en conta no lanzamento, difusión e distribución dunha obra cinematográfica. A inscrición para participar está aberta mediante unha mensaxe ao correo electrónico audiovisual.agadic@xunta.gal e tamén se pode solicitar polo mesmo medio unha cita previa co convidado para consultas sobre proxectos en marcha. A axenda de reunións pecharase por orde de chegada de peticións.

José Luis Cienfuegos asumiu a dirección da Seminci en abril de 2023, tras ter permanecido á fronte do Festival de Cine Europeo de Sevilla desde 2012. Entre 2000 e 2012 organizou o festival multicultural Intersecciones, tarefa que compatibilizou coa súa etapa como director do Festival Internacional de Cine de Xixón, entre 1995 e 2011. É integrante habitual de xurados de festivais internacionais de cine, como San Sebastián, BAFICI, Karlovy Vary ou IFF Rotterdam.

Tamén é membro da European Film Academy e forma parte da súa comisión de expertos. Participou no comité de selección dos premios LUX Film Awards ata 2019 e ten sido asesor de programación en Laboral Cinemateca e de German Films para o Festival de Cine Alemán de Madrid, ademais de xurado do Premio Príncipe de Asturias das Artes da Fundación Príncipe de Asturias de 2013 a 2017.

Como protagonista do primeiro Luns na Filmoteca, poderá ofrecerlles ás persoas inscritas a súa perspectiva como actual director artístico dun certame que aposta por filmes de autoría que fomenten a reflexión e o debate e contribúan a conformar unha cinematografía máis diversa e plural.

Comparte