Nova: O director e compositor Juan Antonio Cuéllar é elixido xerente do Consorcio de Promoción da Música

14/03/2025

O director e compositor Juan Antonio Cuéllar é elixido xerente do Consorcio de Promoción da Música

Chega á Coruña tras ter dirixido a Orquesta Sinfónica Nacional de Colombia e cunha sólida traxectoria profesional

Presenta un proxecto de desenvolvemento integral da entidade a catro anos vista

A Coruña, 14 de marzo de 2025

O prestixioso director e compositor colombiano Juan Antonio Cuéllar será o novo xerente do Consorcio para a Promoción da Música tras a finalización do proceso de selección no que se elixiu por unanimidade para asumir este posto ao que foi director executivo da Orquesta Sinfónica Nacional e da Asociación Sinfónica Nacional de Colombia. Así, o seu nomeamento farase oficial a vindeira semana na xunta ordinaria da entidade, da que participa a Xunta de Galicia.

Formado na Pontificia Universidad Javeriana e na escola de música Jacobs, da Indiana University Bloomington, ademais conta tras de si cunha sólida traxectoria profesional. Entre os anos 2002 e 2008 foi decano da Facultad de Artes da Pontificia Universidad Javeriana, onde tamén desempeñou tarefas de mestre no departamento de Música ata o ano 2020. En paralelo, creou con Mark Gillespie, da Orquesta de las Américas, e con Fernando Cortés, director executivo da Fundación Bolívar Davivienda, a Orquesta Filarmónica Juvenil de Colombia.

Por outra banda, desde hai máis de tres décadas, vén traballando co produtor Julio Reyes, gañador de numerosos premios Grammy e Billboard, en proxectos nos que participaron artistas de sona nacional e internacional, como Alejandro Sanz, Aitana, Andrés Calamaro, Juanes, Sebastián Yatra e Laura Pausini, entre moitos outros.

O proxecto presentado por Cuéllar

Na convocatoria para cubrir o posto de xerente do Consorcio para a Promoción da Música, Cuéllar presentou un proxecto con medidas a curto e medio prazo, cunha folla de ruta para impulsar o seu desenvolvemento integral, a nivel artístico e directivo, ata o 2028.

Así, entre os aspectos valorados polo xurado, designado no concurso público que determina a praza, tívose en conta a proposta formulada por Cuéllar para atender as necesidades do Consorcio cunha perspectiva de 360 graos. Por exemplo, planificando xiras internacionais da Orquesta Sinfónica de Galicia e as súas agrupacións para o bienio 2027-28 en Latinoamérica. Ademais, o director e compositor colombiano tamén apostará por reforzar os lazos de colaboración entre a formación musical e a Escola Municipal de Música da Coruña, ao que se sumaría un programa piloto con colexios para integrar a música sinfónica nas súas actividades educativas.

A maiores, outra das liñas mestras do seu proxecto é a diversificación das fontes de financiación para mellorar a xestión financeira do Consorcio, para o que tamén se propón un fortalecemento da súa produción audiovisual, en materia de difusión, abrindo camiño así á súa expansión comercial e dixital a escala internacional.

Comparte