Nova: A Xunta insistirá ao Museo Marès de Barcelona na devolución das esculturas do mosteiro de Carboeiro

14/03/2025
A Xunta insistirá ao Museo Marès de Barcelona na devolución das esculturas do mosteiro de Carboeiro
A directora xeral de Patrimonio Cultura, Mª del Carmen Martínez, defende que a recuperación deste “valioso patrimonio” é unha “xusta reclamación” de Galicia
Anuncia que o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, ten enviada unha misiva á institución catalá para acadar o seu regreso á Comunidade
Salienta os esforzos e xestións do Goberno galego, “na liña de consideración, protección e salvagarda do patrimonio galego como un dos nosos maiores tesouros”
Santiago de Compostela, 14 de marzo 2024
A directora xeral de Patrimonio Cultural, Mª del Carmen Martínez, anunciou hoxe que o Goberno galego insistirá ao Museo Frederic Marès de Barcelona para que proceda á devolución das dúas esculturas do mosterio de San Lorenzo de Carboeiro, no concello pontevedrés de Silleda. Así o confirmou en resposta a unha pregunta na comisión 4ª do Parlamento, na que deu conta dos contactos mantidos, con esta fin, coa institución catalá por parte da Administración autonómica.
“O regreso deste valioso patrimonio é unha xusta reclamación de Galicia”, defendeu a representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude quen lembrou que, segundo as investigacións publicadas polo historiador Francisco Prado, estas figuras foron espoliadas no pasado século do mosteiro pontevedrés e acabaron sendo adquiridas polo Museo Frederic Marès, descoñecedor desta subtración ilegal. Trataríase dun Cristo en Maxestade e unha talla con símbolos dos evanxelistas San Lucas e San Xoán.
Mº del Carmen Martínez manifestou a “clara decisión” da Xunta de levar a cabo “todas as xestións necesarias” co obxecto de que ambas esculturas regresen ao seu lugar de orixe. Con esta finalidade, informou de que o propio conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, enviou unha nova carta ao museo catalán para insistir desde o Goberno galego nesta reclamación e acadar a súa recuperación para a Comunidade.
Nesta liña, salientou que estes esforzos de cara a estas dúas figuras inscríbense nas políticas de “consideración, defensa, protección e salvagarda” que o Executivo galego, en xeral, e a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, en particular, desenvolven con respecto a todos os bens patrimoniais de Galicia, “aos que coidamos e protexemos por tratarse dun dos nosos maiores tesouros e legados”, concluíu.