Nova: A Xunta pon en marcha o plan de dinamización da lectura con Galicia por riba da media de España

14/03/2025

A Xunta pon en marcha o plan de dinamización da lectura con Galicia por riba da media de España

A estratexia, froito de anos de traballo, ten o obxectivo de continuar mellorando os hábitos lectores que sitúan á Comunidade con índices superiores aos estatais

Anxo M. Lorenzo destaca a necesidade de “seguir avanzando, aínda con máis ambición, no incremento duns rexistros que se atopan no seu mellor momento histórico”

Puntualiza, ademais, que “esta folla de ruta vén reforzar a efectividade das políticas públicas do Goberno galego neste ámbito”

As liñas básicas abranguen o papel das bibliotecas públicas, o ámbito formativo, o sector do libro, as accións de dinamización social e os instrumentos de participación

Santiago de Compostela, 14 de marzo de 2025

A Xunta pon en marcha o seu plan de dinamización da lectura, con máis de 100 medidas e un investimento de 32 M€, no que se recollen os eixes e as liñas estratéxicas a seguir ata o 2029 co propósito de “continuar a incrementar os hábitos lectores na Comunidade, nun momento no que Galicia rexistra uns índices superiores á media nacional, situándose no seu mellor momento histórico”. Así o manifestou o director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, na comisión 4ª do Parlamento, onde deu conta do documento de carácter quinquenal que, puntualizou, “é necesario para seguir avanzando, aínda con máis ambición, para afrontar os retos que temos por diante”.

Neste senso, tal e como lembrou o representante do Goberno autonómico, Galicia chegou no 2024 a un 66,2 % no número de lectores, o que supón 5,7 puntos máis que a porcentaxe rexistrada en 2023, segundo o Barómetro de hábitos de lectura e compra de libros de España en 2024, acadando a mellor estatística da serie histórica. Uns datos, apuntou, que “demostran a efectividade das políticas públicas da Xunta que reforzamos con esta importante folla de ruta, cuns obxectivos moi marcados”.

O director xeral de Cultura referiuse así ao cumprimento de varias premisas como son fomentar os hábitos de lectura impresa e dixital, especialmente en galego, atendendo á diversidade social e cultural do territorio ou garantir o acceso ao libro con accións que favorezan a variedade de contidos e formatos. Tamén se centra en potenciar as conexións entre o conxunto de axentes do ecosistema do libro e no apoio directo a este sector.

Ademais, explicou que con Lemos +. Un plan para a dinamización da lectura en Galicia, perséguese que a porcentaxe de persoas que len libros por lecer, polo menos unha vez ao trimestre, chegue ao 75%, os que len unha vez á semana ao 65%, ou que a lectura dixital chegue ao 40% da poboación.  Todo isto tendo en conta que “a lingua galega é abordada de maneira transversal en todo o plan, con moitas medidas vencelladas a ela, de maneira que sexa un idioma activo neste sentido”, resaltou Anxo M. Lorenzo, engadindo que “a lectura en todas as linguas retroaliméntase e é complementaria”.

A lectura desde as bibliotecas públicas e a dinamización social

Durante a comparecencia, o director xeral de Cultura debullou os cinco eixos estratéxicos nos que se basea o plan para cumprir cos seus obxectivos. Así, fixo fincapé no “traballo fundamental” realizado tanto polas bibliotecas escolares como polas públicas que, dixo, “están facendo un labor de dinamización lectora de especial relevancia”. Neste senso, tamén anunciou a elaboración do terceiro Mapa de bibliotecas públicas de Galicia no vindeiro ano, coa intención de actualizar as liñas de planificación e cooperación.

Deste xeito, o documento presentado hoxe inclúe medidas para potenciar a difusión de actividades nestes equipamentos, fomentar o seu papel como escaparate da produción editorial galega, incrementar os fondos galegos en formato físico e dixital, promover encontros con creadores ou elaborar guías de lectura. Tamén contempla a creación de espazos accesibles e inclusivos e a mellora do servizo de A Furgoteca, a biblioteca móbil de Galicia, ou a plataforma dixital GaliciaLe.

En canto á dinamización social da lectura, un dos obxectivos do plan é impulsar esta práctica como instrumento inclusivo e de supresión de barreiras. Cómpre salientar neste apartado a aposta polos plans locais de lectura, ferramentas que permiten analizar as necesidades de cada territorio establecendo sinerxías entre as administracións e o tecido sociocultural, xerando así redes de entidades locais lectoras.

O ámbito formativo e o sector do libro

Outro dos eixes é o eido formativo, do que Anxo M. Lorenzo destacou as actuacións relacionadas coas escolas infantís ou a mocidade universitaria. Apóstase así por impulsar a creación de materiais en galego para a cativada e a organización de propostas coas familias. Fomentar a visibilidade e dinamización do libro galego nas bibliotecas universitarias ou potenciar unha programación ao redor da lectura nos centros de ensinanzas especiais e de capacitación profesional son outros dos eixes principais.

No que ten que ver con outro dos bloques estratéxicos, o do propio sector do libro, o representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude recoñeceu que “dispoñemos dun ecosistema do libro ben implantado na sociedade galega, con persoas creadoras, empresas editoras e unha canle libreira ben distribuída, polo que o acompañamento da industria no hábito lector é esencial”. Así, algunhas das liñas definidas refírense a  incrementar o número de traducións de obras doutras linguas ao galego, a convocar bolsas de creación para proxectos, ao impulso de programas de residencias ou á  presenza de editoras nas feiras profesionais e mercados internacionais.

Instrumentos de participación e investigación

Os instrumentos de participación, análise, investigación e innovación do ecosistema do libro en Galicia conforman outro dos puntos principais da folla de ruta do Goberno autonómico para “dispoñer de datos regulares que nos permitan coñecer as tendencias e actuar en consecuencia”, apuntou Anxo M. Lorenzo. Contémplase neste sentido a creación do Observatorio da Lectura de Galicia como ferramenta de apoio ao labor do Consello Asesor do Libro.

Esta folla de ruta é a primeira destas características que se desenvolve desde a Administración autonómica. A iniciativa responde ao compromiso da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude coa lectura  como parte importante no eido cultural, no senso de actuar como forma de acceso ao coñecemento e ferramenta básica para a socialización. Así, o documento leva tomando forma desde o 2018, cando se iniciaron os contactos para crear a Estratexia da Cultura Galega 2021 e se presentou unha primeira proposta para elaborar un plan deste tipo. É resultado, polo tanto, de anos de análise de datos, realización de estudos e  recepción de aportacións de distintas organizacións e entidades que se sumaron á diagnose da situación.

Comparte