Nova: A Xunta de Galicia achégalles as claves da produción audiovisual ás futuras xeracións do sector

17/03/2025

A Xunta de Galicia achégalles as claves da produción audiovisual ás futuras xeracións do sector

Conta coa Asociación Galega de Produtoras Audiovisuais para a posta en marcha das xornadas formativas ‘A produción independente galega’, que arrancan mañá

A iniciativa está dirixida ao alumnado das facultades de Comunicación Audiovisual e dos centros de Imaxe e Son de Galicia

Santiago de Compostela, 17 de marzo de 2024

As futuras xeracións do audiovisual galego son as destinatarias dunha nova iniciativa formativa da Xunta para afondar nas claves da produción cinematográfica e televisiva da man de coñecidos nomes do sector. A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude conta coa Asociación Galega de Produtoras Independentes na xestión desta xeira de relatorios, especificamente dirixidos a estudantes das tres facultades galegas de Comunicación e dos catro centros integrados de formación profesional no ámbito audiovisual.

Baixo o título A produción independente en Galicia, estas xornadas achegaranlle ao alumnado un contacto directo e práctico coa profesión a través de referentes do sector que representan unha ampla variedade de perfís e responsabilidades. Ao tempo, transmitiráselle a calidade e puxanza do noso audiovisual, ademais de normalizar o uso do galego como lingua vehicular en todo o proceso da produción e a presenza feminina tanto en postos de responsabilidade como nos oficios técnicos.

Participarán nesta iniciativa, financiada a través da colaboración entre a Administración autonómica e o Instituto de la Cinematografía y de las Artes Audiovisuales, coñecidos nomes do cine e da televisión da nosa Comunidade para compartir a súa experiencia nos diferentes relatorios programados.

Relatorios

O programa abrirase mañá martes na Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela. As seguintes citas do mes de marzo terán lugar o día 20 na Escola de Imaxe e Son de Vigo, o 25 na Tic Escola de Imaxe e Son de Lugo, o 26 no Centro Integrado de Formación Profesional A Farixa en Ourense e o 28 na Facultade de Comunicación da Universidade de Vigo no campus de Pontevedra. Xa nas seguintes semanas, será a quenda da Escola de Imaxe e Son e da Facultade de Ciencias de Comunicación da Coruña.

As xornadas A produción independente galega entroncan nos seus cometidos con outras das iniciativas promovidas ou apoiadas pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude para estudantes de grao e formación profesional, como é o caso de AuGAL, Master Class do Audiovisual Galego, organizada coa Facultade de Comunicación de Pontevedra, que se atopa xa na recta final da súa 14ª edición; ou Curso de Medios Audovisuais (CeMAC) da Fundación Carlos Casares e a Vicerreitoría do Campus de Ourense da Universidade de Vigo.

Comparte