Nova: A Xunta financia con 10.000 euros melloras na sede da Asociación Veciñal de Miranda, en Castroverde

19/03/2025

A Xunta financia con 10.000 euros melloras na sede da Asociación Veciñal de Miranda, en Castroverde

A entidade inaugurou o reformado local cunha xornada lúdica e cultural á que asistiu o delegado territorial de Lugo, Javier Arias

Castroverde (Lugo), 19 de marzo de 2025

A Asociación Cultural e Veciñal de Miranda, en Castroverde, celebrou hoxe a inauguración do seu reformado local social logo das obras de mellora que acometeron, para as que a Xunta de Galicia achegou 10.000 euros.

Nos actos participou o delegado territorial de Lugo, Javier Arias, que explicou que os traballos financiados polo Goberno galego permitiron incrementar o confort, seguridade e accesibilidade da sede, situada na antiga escola da localidade. 

En concreto, a Dirección Xeral de Administración Local outorgou unha axuda ao abeiro do plan específico de acción comunitaria que serviu para instalar sistemas de climatización nas dúas plantas, pintar as estancias, cambiar a porta principal por outra máis segura, incorporar unha rampla de acceso e realizar melloras na instalación eléctrica e fontanería.

O delegado subliñou “o papel fundamental do movemento veciñal para dinamizar a vida social e cultural no rural”, e citou como proba “o empuxe da asociación de Miranda, que promoveu a rehabilitación da antiga escola para dispor dun centro de reunión no que convocar actividades como esta e seguir proxectando iniciativas que enriquezan a comunidade”.

Neste sentido, a xornada lúdica e cultural de hoxe incluíu unha mesa de traballo para avanzar nos propósitos do colectivo de difundir a importancia histórica e o potencial turístico da Vía XIX e  recuperar a feira tradicional de Miranda. 

Comparte