Nova: López Campos comproba o resultado da restauración do retablo da capela de San Lois de Orazo

22/03/2025
López Campos comproba o resultado da restauración do retablo da capela de San Lois de Orazo
A intervención baseouse en recuperar a policromía orixinal, ou moi próxima á época de construción da peza, que quedara oculta tras varios repintados
O Conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, destaca “o compromiso coa rehabilitación do patrimonio tanto en grandes templos como en pequenas igrexas”
Salienta, ademais, a importancia deste tipo de actuacións para “recobrar o valor histórico e artístico dos elementos relixiosos”
A Estrada (Pontevedra), 22 de marzo de 2025
O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, comprobou hoxe nunha visita á capela de San Lois de Orazo, na parroquia estradense de San Pedro, o resultado dos traballos levados a cabo para a restauración do seu retablo seguindo na liña, dixo, “do noso compromiso coa rehabilitación, mantemento e conservación dos bens patrimoniais que atesouramos en toda Galicia, ben se atopen en grandes templos ou pequenas igrexas”.
Así, o representante da Xunta explicou que a actuación, na que se investiron máis de 15.000€, enfocouse en “recuperar a autenticidade da peza para achegarnos á súa versión orixinal, como así o vimos facendo noutras moitas intervencións ao longo do territorio”. Neste senso, lembrou que “estamos na procura de recuperar elementos do noso patrimonio relixioso para contar a nosa historia ás xeracións futuras, preservándoo nas mellores condicións”.
Tal e como sinalou López Campos, trátase dun retablo de estilo neoclásico realizado en madeira de castiñeiro con policromías oleosas e douradas. Así, esteticamente a peza presentaba varias capas de repintados e purpurinas que alteraron de maneira significativa o seu aspecto, ocultando a policromía orixinal, ou moi próxima á época de construción do retablo, que agora se recupera “recobrando deste xeito o seu valor histórico e artístico”.
Os traballos de rehabilitación consistiron na limpeza, tratamento e protección de elementos metálicos, así como na revisión das consolidacións efectuadas no soporte e tratamento mediante unha resina acrílica. Tamén se reintegraron volumes, gretas e fisuras e se levou a cabo a eliminación dos repintados e unha limpeza co fin de recuperar a súa lectura cromática. Finalmente, para a súa protección, realizouse un vernizado de con resinas naturais.