Nova: O Centro Coreográfico Galego coproduce por primeira vez danza inclusiva coa peza ‘Cicatriz’, que interpretan Kirenia M. Acosta e Antón Reixa

24/03/2025
O Centro Coreográfico Galego coproduce por primeira vez danza inclusiva coa peza ‘Cicatriz’, que interpretan Kirenia M. Acosta e Antón Reixa
A coreógrafa e o poeta abordan os prexuízos do idadismo a través da exploración do desexo e a súa influencia na dinámica vital das persoas
A proposta interdisciplinaria combina danza, teatro, ‘performance’, poesía, instalación e música para ofrecerlle ao público unha experiencia única e inmersiva
A sala Germán Coppini da Fundación SGAE en Santiago de Compostela, acollerá a estrea do espectáculo os vindeiros 28 e 29 de marzo ás 20,30 h.
Santiago de Compostela, 24 de marzo de 2025
A sala Germán Coppini da Fundación SGAE en Santiago de Compostela acollerá os vindeiros 28 e 29 de marzo a estrea de Cicatriz, espectáculo de danza contemporánea coproducido por Artestudio e o Centro Coreográfico Galego, que aborda por primeira vez a inclusión nesta disciplina por parte da unidade da Xunta de Galicia. A peza, con dirección e coreografía da bailarina galego-cubana Kirenia M. Acosta, pon en escena o poema homónimo do polifacético artista galego Antón Reixa nunha proposta interpretada a dúo por ambos os dous.
Cicatriz parte do poema homónimo de Reixa, unha obra de trescentos versos que comezan coa palabra "quero", nos que o autor explora o desexo e a súa influencia na vida das persoas como panca para accionar a reflexión e o empoderamento ante os prexuízos e discriminacións por razón de idade.
O director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, participou hoxe na presentación desta peza, da que sinalou que continúa a senda das coproducións de danza do Centro Coreográfico, unha canle de apoio que o pasado ano posibilitou a estrea doutros tres espectáculos xa en distribución: Dique, xunto con Nova Galega de Danza, Mover cenizas, con Neodans-SóloDos, e Transeúnte, con Daniel Rodríguez.
Nun acto compartido cos seus creadores e coa directora do Centro Coreográfico, Pilar Portela, explicou, esta coprodución afonda na liña de traballo inclusivo das estruturas públicas, en conexión coa recentemente aprobada Lei de cultura inclusiva e accesible, ao levar ao escenario a sensibilización sobre o idadismo e a discapacidade.
O representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude manifestou que este traballo a prol da diversidade na escena é unha liña necesaria e un camiño de longo percorrido no que Coreográfico seguirá dando pasos que garantan o acceso e a representación de todas as sensibilidades, como está facendo tamén o Centro Dramático Galego. Sutil engadiu que, nesta mesma dinámica, o Goberno galego ten traballado na consecución da plena inclusión apoiando tamén a adquisición de sistemas de accesibilidade nos espazos escénicos galegos a través das subvencións para a modernización de infraestruturas públicas e privadas que se convocaron en anos anteriores a través dos fondos europeos no marco do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia.
Transformar a discapacidade en expresión artística
A experiencia de Kirenia M. Acosta, bailarina e coreógrafa con máis de 25 anos de traxectoria internacional, únese ao debut na danza contemporánea de Antón Reixa, quen se achega por primeira vez ao mundo da danza e, con 67 anos e unha discapacidade física do 65%, rompe a barreira do que se supón posible nun escenario.
A peza destaca pola súa natureza híbrida, combinando danza, teatro, performance, poesía, instalación e música, coa intención de ampliar os límites tradicionais destas disciplinas para ofrecerlle ao público unha experiencia única e inmersiva. A obra aborda temas universais como o tempus fugit, o risco, a honestidade e o compromiso coa creatividade, construíndo un lugar onde o movemento non obedece aos límites, senón á curiosidade. Unha fusión de danza e poesía que parte da idea de que algunhas cicatrices lévanse na pel, outras na memoria, no desexo do que foi ou puido ser.
A música está asinada por Marcos Payno e Bruno Baw e conta coas voces de Antela Cid e Alex Sande. Suso Mareque é o responsable dunha escenografía que se viste coa iluminación deseñada por Violeta Martínez.
Concibida como un espectáculo multilingüe en galego, castelán e inglés, e con posibilidade de apoio en lingua de signos, Cicatriz foi deseñada tanto para salas convencionais como espazos alternativos. A posta en escena bebe dun minimalismo conceptual, cunha escenografía reducida a dúas cadeiras e tres estruturas tubulares, que funcionan como metáfora do tránsito entre a inhibición e a desinhibición, entre a memoria e a presenza.
Tras a súa estrea os vindeiros venres 28 e sábado 29 de marzo, ás 20,30 h., Cicatriz iniciará o seu percorrido internacional con presentacións en Alemaña e Portugal. As entradas para os dous pases inaugurais en Santiago de Compostela están xa á venda pola plataforma dixital woutick.es.