Nova: O ciclo Nexos reflexiona con Estrella de Diego sobre a arte contemporánea
09/05/2015
O ciclo Nexos reflexiona con Estrella de Diego sobre a arte contemporánea
Tras o relatorio da catedrática, escritora e crítica de ‘El País’, a sesión completarase coa actuación do grupo galego ‘Cuerpo Astral’
O 22 de maio, a Sala Eisenman acollerá unha sesión especial de Nexos, cun café-tertulia protagonizado pola escritora arxentina Claudia Piñeiro
Donna Leon clausurará o 6 de maio a edición deste ano cunha sesión dedicada á literatura e á gastronomía. As inscricións ábrense o luns, 11 de maio
Santiago, 9 de maio de 2015.- O ciclo 'Nexos' do Gaiás convidou a reflexionar sobre a arte contemporánea coa catedrática, escritora e crítica de arte Estrella de Diego. Baixo o título ‘Esplendor e farsa da arte contemporánea’, esta terceira sesión do ciclo ‘Nexos’ analizou a irrupción a principios do século XX das vangardas e as multiplicación de novas correntes e “ismos”: fauvismo, futurismo, cubismo, dadaísmo, construtivismo, surrealismo, expresionismo abstracto… A seu impacto como forma de transgresión, a súa posterior asimilación pola publicidade comercial e o seu posterior cuestionamento por parte dalgúns artistas pese a que ninguén dubida que a arte contemporánea segue a ser un fito histórico de esplendor creativo.
Estrella de Diego, escritora, ensaísta e catedrática de arte contemporánea na Universidade Complutense de Madrid foi a encargada do relatorio desta sesión. Comisaria de numerosas exposicións, entre outras na Bienal de Sao Paulo e na de Venecia, colaboradora habitual de ‘El País’ e galardonada en 2011 coa Medalla de Ouro ao Mérito nas Belas Artes, ofreceu a súa visión sobre este movemento creativo e a súa situación actual. Tras ela, o público puido gozar coa actuación de Cuerpo Astral, grupo de música electrónica e “regateen ilustrado” formado por Fur Alle Falle (Iñaki López e Vanesa Castro) e Lúa Gándara.
De forma paralela, a Biblioteca e Arquivo de Galicia acolleu unha sesión paralela para nenos de 5 a 12 anos, que se convertiron por un día en auténticos artistas, reinterpretando coñecidas obras de arte contemporánea e creando as súas propias.
Tras a sesión, o público puido gozar cunha degustación ofrecida por Bodegas Martín Códax e os produtos Pan do Mar de Conservas Pérez Lafuente, colaboradores desta edición xunto ao Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia e a Facultade de Belas Artes da Universidade de Vigo.
Sesión especial o 22 de maio con Claudia Piñeiro
‘Nexos’ fará un alto no camiño o vindeiro venres, 22 de maio, coa celebración dunha sesión especial na Sala Eisenman da Cidade da Cultura. Baixo o título de ‘Nexos convida…’, a Cidade da Cultura ofrece un café-tertulia a partir das 17:30 horas coa escritora arxentina Claudia Piñeiro, autora de novelas tan famosas como ‘Las viudas de los jueves’ ou ‘Tuya’.
O encontro comezará ás 17:30 cun café e un posterior diálogo entre Claudia Piñeiro e o escritor e xornalista lucense Luís Pousa, co que conversará sobre literatura, cine e teatro.
A entrada é, como en todas as sesións de ‘Nexos’, de balde mais é preciso inscrición previa en www.cidadedacultura.gal.
Clausura o 6 de xuño
A clausura de ‘Nexos’ será o 6 de xuño baixo o título ‘O deleite na palabra. Larpeiradas dos literatos’, na que se abordará a estreita relación entre comida e lectura, entre gastronomía e literatura. O relatorio contará cunha protagonista de excepción: a gran dama da literatura negra actual, a escritora e profesora estadounidense, Donna Leon. Creadora do personaxe do comisario Brunetti, os seus libros están ateigados de referencias gastronómicas como por exemplo ‘El sabor de Venecia’.
A clausura de ‘Nexos’ complétase cun showcooking a cargo de Manuel Gago, xornalista e profesor da USC, e do cociñeiro Alberto Lareo, chef do restaurante Manso.
As persoas interesadas en asistir a esta sesión poderán inscribirse, totalmente de balde, en www.cidadedacultura.gal, a partir do vindeiro luns, 11 de maio.