Nova: López Campos destaca “o importante labor de difusión e conservación ” dos arquivos da Xunta

25/03/2025
López Campos destaca “o importante labor de difusión e conservación ” dos arquivos da Xunta
As propostas para este ano nos cinco centros dependentes do Goberno galego céntrase en mostrar ao público os seus propios fondos seguindo distintas temáticas
Entre a decena de exposicións, destacan as vencelladas á celebración do Día Internacional dos Arquivos ou ao Día Internacional da Muller
López Campos salienta que se trata de institucións “esenciais na transmisión de coñecemento, abordando diversos eidos a través dos seus documentos históricos”
O calendario foi presentado no Arquivo do Reino de Galicia que este ano conmemora o 250 aniversario da súa creación
A Coruña, 25 de marzo de 2025
O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, acompañado polo director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, presentou hoxe a programación de 2025 dos arquivos xestionados pola Xunta de Galicia “esenciais na transmisión da nosa historia, desenvolvendo un importante labor de difusión”. Así, cunha decena de exposicións e actividades complementarias, este ano os cincos centros dependentes do Executivo autonómico consolídanse como espazos fundamentais para “achegar á cidadanía o coñecemento da nosa identidade a través dos fondos que salvagardan”.
Desta maneira, durante o acto, o representante da Xunta apuntou que “se pon en valor a importancia destas institucións sacando á luz documentos históricos cos que coñecer, comprender e analizar moi diversas cuestións que teñen que ver con diferentes ámbitos da vida”, facendo fincapé “no compromiso do Goberno galego tanto coa preservación da nosa cultura como coa divulgación do noso legado”. Neste senso, tal e como destacou, a través das súas mostras, os arquivos “contan historias de persoas, algunhas de relevancia e outras menos coñecidas, de oficios, de acontecementos importantes ou da mesma evolución das cidades, entre outras”.
Así, todos eles programan para este ano varias mostras temporais relacionadas con documentos históricos que se complementan con distintas accións ao redor das coleccións de cada entidade, e tamén con motivo de distintas efemérides.
López Campos aproveitou a celebración do acto no Arquivo do Reino de Galicia para felicitar á entidade na conmemoración do 250 aniversario da súa creación e os 70 anos da posta en marcha do edificio, unha efeméride na que se centra boa parte da súa programación deste ano. De feito, desde outubro poderá visitarse neste espazo unha selección de documentos singulares testemuños da historia de Galicia e que non se expoñen ao público normalmente. Trátase dunha mostra que permitirá descubrir contidos curiosos a través, por exemplo, de fondos xudiciais, documentos públicos de Facenda ou do Goberno Civil e outras pezas de fondos privados como tumbos de mosteiros ou coleccións cartográficas.
Nesta institución tamén está dispoñible ata maio unha exposición virtual que se complementa con documentos físicos dedicada ás primeiras mulleres arquiveiras do Arquivo do Reino de Galicia e que foi inaugurada con motivo do Día Internacional da Muller. Tamén, coincidindo con esta data, o pasado sete de marzo o Arquivo de Galicia, localizado na Cidade da Cultura, puxo en marcha outra mostra sobre as mulleres como destinatarias de ensinanzas artísticas que estará dispoñible ata decembro. A esta proposta súmalle outra prevista para xuño para conmemorar o Día Internacional dos Arquivos baixo o título Historias do ensino en Galicia.
Arquivos Históricos Provinciais
Da Xunta de Galicia dependen tamén tres arquivos históricos provinciais. Así, no de Lugo presentan para xuño a mostra O gabinete fotográfico de Constantino Rodríguez con 210 imaxes que abordan distintas temáticas e que foron tomadas polo fotógrafo lucense, recoñecido polo seu traballo como retratista. Un proxecto que vai acompañado por visitas guiadas.
Pola súa banda, o Arquivo Histórico Provincial de Pontevedra tamén prepara para xuño, para celebrar o Día Internacional dos Arquivos, a exposición A educación na provincia de Pontevedra. Historia e evolución, que fai un repaso neste eido a través dos documentos conservados na institución. Ademais, con motivo desta efeméride tamén ser organiza unha xornada de portas abertas, unha velada musical e unha conferencia sobre a temática da mostra.
En Ourense, o Arquivo Histórico Provincial programa catro exposicións: A cidade de Ourense nos seus documentos, que se centra na súa evolución desde a Idade Media ata o S.XX; Mulleres oleiras ourensás, que xa se pode ver desde o 8 de marzo; As coplas dos maios na tradición popular ourensá, relacionada coa homenaxe deste ano polas Letras Galegas; e Castelao e Ourense, que destaca o vencello do intelectual co galeguismo ourensán. A isto engádense varias actividades didácticas.