Nova: Os museos e arquivos da Xunta ofrecen este ano un total de 70 exposicións e máis de 170 actividades

26/03/2025
Os museos e arquivos da Xunta ofrecen este ano un total de 70 exposicións e máis de 170 actividades
- A programación, que se estende ata finais de 2025, foi avaliada hoxe polo Consello e nela inclúense once centros museísticos e 5 arquivos localizados nas 4 provincias
- Entre as mostras destacan as que fan uso das tecnoloxías con propostas inmersivas ou as que poñen de relevancia figuras como Castelao en distintos eidos creativos
- A estas propostas únenselle outras dirixidas a poñer en valor os fondos propios salvagardados por cada institución e as súas coleccións
- A axenda complétase con actividades como visitas guiadas, obradoiros, música ou relatorios, entre outras accións de dinamización para público adulto e infantil
- As entidades, dependentes da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, consolídanse cunha oferta de calidade, diversa e para diferentes intereses
Os museos e arquivos xestionados directamente pola Xunta de Galicia contarán este ano cun total de 70 exposicións e máis de 170 actividades na súa programación, consolidándose como grandes xeradores de cultura na Comunidade cunha oferta diversa, de calidade, para todos os públicos e distintos intereses. Así se deu conta hoxe no Consello, onde se analizou o informe con toda a planificación que se estenderá ao longo deste 2025.
Así, a dotación de contidos nos distintos equipamentos que funcionan ao abeiro da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, localizados nas catro provincias galegas, segue a liña marcada pola Lei de cultura inclusiva e accesible, que ten por obxectivo eliminar todo tipo de barreiras, xa sexan físicas, territoriais ou de calquera outra índole, achegando a cultura a toda a poboación.
Os museos, tras superar o medio millón de visitantes no 2024, cun incremento do 23% con respecto ao ano anterior, afrontan a programación deste ano con exposicións centradas en figuras galegas de relevancia en distintos eidos creativos, como Castelao, así como en proxectos de carácter internacional. Todo isto, sen deixar de poñer en valor os propios fondos salvagardados en cada unha das institucións, facendo fincapé no compromiso do Goberno galego coa divulgación da nosa cultura e preservación da nosa identidade. Ademais, destaca a grande aposta que se fai pola innovación e o uso das máis modernas tecnoloxías para achegar á cidadanía experiencias únicas.
O programa expositivo irá acompañado de accións paralelas ás exposicións temporais e cun amplo plan de actividades xa consolidado en cada un dos centros museísticos, exercendo tamén así como importantes puntos de dinamización cunha coidada oferta de lecer cultural.
Trátase dunha axenda cultural que abrangue en Santiago de Compostela a Cidade da Cultura, o Centro Galego de Arte Contemporánea e o Museo das Peregrinacións e de Santiago; o Museo de Belas Artes, na Coruña; a Fundación Pública Camilo José Cela, no concello coruñés de Padrón; o Museo do Mar de Galicia, en Vigo; e o Museo Massó, en Bueu; o Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense, na cidade das burgas; o Museo Etnolóxico e o Museo do Viño, no municipio ourensán de Ribadavia, e o Museo do Castro de Viladonga, na localidade lucense de Castro de Rei.
No caso dos arquivos, inclúense nesta programación os seguintes centros dependentes da Xunta: o Arquivo de Galicia, localizado na Cidade da Cultura; o Arquivo do Reino de Galicia, na Coruña; o Arquivo Histórico Provincial de Lugo, o Arquivo Histórico Provincial de Pontevedra e o Arquivo Histórico Provincial de Ourense.
Todos eles programan para este ano varias mostras temporais relacionadas con documentos históricos que se complementan con distintas accións ao redor das propias exposicións ou das coleccións de cada entidade e tamén con motivo de distintas efemérides.
Provincia da Coruña
En Santiago de Compostela a Cidade da Cultura ofrece un extenso programa que abrangue desde as exposicións no Museo Centro Gaiás ata as mostras na Biblioteca e no Arquivo de Galicia. Así, destacan as propostas que se basean nas tecnoloxías como a experiencia inmersiva Orixes, que ofrece unha viaxe virtual a través da vida, ou o achegamento no Ano Castelao á figura dun dos pais do galeguismo mediante unha recreación interactiva. A isto engádense accións como o apoio a artistas coas súas residencias ou as distintas propostas divulgativas artelladas ao redor das exposicións tanto para público infantil como adulto.
No Centro Galego de Arte Contemporánea, tamén en Santiago, suman aos proxectos que perduran do ano pasado outras seis exposicións protagonizadas por Priscilla Monge, Enrique Palazuelo, Lluís Hortalá, Alexandra Runner, Mar Caldas, Concha Jerez e José Igés. Neste senso, salientan tamén as distintas iniciativas vencelladas ás mostras para afondar nelas, completando así o programa.
Pola súa banda no Museo das Peregrinacións e de Santiago presentan como novidade a mediados de ano Kumbh Mela Prayagraj, unha recompilación de fotografías de Manuel Valcárcel localizadas neste festival da India. No centro tamén se desenvolven actividades familiares para coñecer o museo e accións puntuais con motivo de días sinalados.
No Museo de Belas Artes, da cidade da Coruña, o principal proxecto deste 2025, e previsto para xuño, é A barca de Caronte: a travesía vital de Isaac Díaz Pardo, que fai un percorrido creativo pola súa obra desde a etapa pictórica á de deseñador industrial. Complétase coa ampliación do período expositivo de Arquitecturas que falan do seu tempo e Convidadas, dúas miradas de Zuloaga, ademais dunha renovada experiencia virtual con A Torre de la Parada. O espazo ofrece, por outra banda, programas educativos e distintos cursos que teñen que ver coa arte, o gravado ou o debuxo manga, así como ciclos musicais e actividades de lectura.
A programación da provincia complétase en Padrón da man da Fundación Camilo José Cela que inaugura en xuño no Colexio de Fonseca de Santiago a mostra Me declaro feminista, en xullo, mentres que a súa sede acollerá en xullo Habitar o baleiro, e en setembro Doctorados Honoris Causa.
A isto súmanselle as mostras do Arquivo de Galicia, na Cidade da Cultura, Mulleres artistas: aprendendo o oficio, que xa se pode visitar, e Historias do ensino en Galicia, prevista para xuño. Mentres, na Coruña, o Arquivo do Reino de Galicia dedicou o Día da Muller ás primeiras arquiveiras da institución cunha selección de pezas físicas e unha mostra virtual, e celebra o seu 250 aniversario cunha mostra de documentos singulares, testemuños da historia de Galicia, que se poderá ver a partir de outubro.
Provincia de Lugo
En Lugo destaca a intensa actividade do Museo do Castro de Viladonga, localizado no concello de Castro de Rei. Así, na vertente expositiva ofrece a oportunidade de coñecer materiais arqueolóxicos relacionados coa metalurxia do ferro con A produción do ferro na antigüidade. Unha achega desde Viladonga, e celebra os 25 anos da declaración da Muralla de Lugo como Patrimonio da Humanidade con outra mostra.
Para destacar todo o seu potencial, este enclave programa unha serie de obradoiros tanto para escolares como para adultos ou para gozar en familia e con moi diferentes eixos. Así mesmo, tamén celebra varias efemérides como as Letras ou o Día Internacional dos Museos.
Doutro lado, o Arquivo Histórico Provincial de Lugo destaca neste 2025 a mostra O gabinete fotográfico de Constantino Rodríguez, que se poderá visitar desde xullo e recolle imaxes deste autor con varias temáticas. Tamén, como é tradición, abre as súas portas con visitas guiadas no Día Internacional dos Arquivos.
Provincia de Ourense
O Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense continúa coa súa acción divulgativa Peza do Mes, coa que lle dá difusión aos seus fondos. Ademais, para o segundo semestre do ano ten prevista a posta en marcha dunha exposición fotográfica con instantáneas representativas do traballo de documentación desenvolvido na propia entidade. Así mesmo, entre a súa actividade destacan os distintos ciclos de charlas e mesmo sesións de cine.
A provincia ourensá conta tamén en Ribadavia con dous espazos culturais: o Museo Etnolóxico con tres exposicións para este 2025, e o Museo do Viño cunha exposición temporal ao redor dunha Denominación de Orixe ou Identificación Xeográfica Protexida, que completa con distintas conferencias ao redor da historia do viño e con catas que combinan a degustación dos caldos con música.
Ademais, ambos os dous centros ofrecen ciclos de cine centrados nas súas temáticas e actuacións musicais, ao que se engaden outras propostas para celebrar datas destacadas como as Letras Galegas.
O Arquivo Histórico Provincial de Ourense, pola súa banda, súmase aos plans culturais con tres exposicións: A cidade de Ourense nos seus documentos, As Mulleres oleiras ourensás e Castelao e Ourense. Tamén propón obradoiros de escritura medieval e visitas teatralizadas que poñen os documentos en contacto coas arquitecturas da cidade.
Provincia de Pontevedra
En Vigo, o Museo do Mar de Galicia conta este ano como exposición principal con Quino en la música, unha recompilación de viñetas orixinais do humorista vencelladas á música. Complétase con outras propostas como son Bambú, en colaboración co Museo de Artes do Gravado á Estampa Dixital de Ribeira, e Memoria e azougue. A liñaxe dos Llanos, con fotografías que reflicten varios aspectos da cidade de Vigo. Ademais, o espazo recibe dúas mostras itinerantes xestadas na Cidade da Cultura: Nicolás Muller en Galicia, con 50 instantáneas dun dos documentalistas máis relevantes do S.XX, e Viquingos.
Destaca, ademais, a ampla oferta de actividades para escolares durante o curso académico, que se centran en explorar a diversidade mariña desde distintas perspectivas, e as accións desenvolvidas ao redor do Centro Arqueolóxico do Areal Salinae.
Por outro lado, en Bueu, o Museo Massó presentará ao longo destes meses novos espazos que enriquecerán a súa oferta cultural, tras os traballos de restauración. Así engadirá a Sala Urbano Lugrís e tamén incorporará a salgadura Piñeiro, integrada na exposición permanente como unha salgadura musealizada. Para completar a súa oferta cómpre salientar as súas singraduras pola ría para tomar contacto coas técnicas de navegación ou as visitas á antiga fábrica de salgadura da praia Mourisca.
O Arquivo Histórico Provincial de Pontevedra, por outra banda, abrirá en xuño a mostra A educación na provincia de Pontevedra. Historia e evolución con motivo do Día Internacional dos Arquivos. Tamén engade unha xornada de portas abertas, unha velada musical e unha conferencia sobre esta temática.