Nova: Avanzan a bo ritmo os traballos de restauración do retablo maior da igrexa de San Pedro de Lantaño financiados pola Xunta

27/03/2025
Avanzan a bo ritmo os traballos de restauración do retablo maior da igrexa de San Pedro de Lantaño financiados pola Xunta
O delegado territorial visitou as obras que contan cun investimento autonómico de 62.000 euros
Os traballos consisten na consolidación das zonas de soporte debilitadas; posta a punto dos elementos patrimoniais que se topan no Retablo; desinsectización; e reintegración cromática, entre outros
A consellería de Cultura, Lingua e Xuventude conta cun orzamento de 22 millóns de euros este ano para actuacións relacionadas co coidado do patrimonio
Portas (Pontevedra), 27 de marzo de 2025
O delegado territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra, Agustín Reguera, visitou esta mañá, acompañado polo alcalde de Portas, Ricardo Martínez, as obras de restauración do Retablo Maior da Igrexa de San Pedro de Lantaño.
Os traballos, que son posibles grazas a un investimento da Xunta de 62.000 euros, consisten na consolidación das zonas de soporte que se topaban debilitadas, así como a limpeza e posta a punto dos elementos artísticos e patrimoniais que se topan no Retablo e a retirada de elementos alleos a este espazo. Ademais, realizaranse Labores de desinsectación co fin de eliminar ataques por parte de insectos xilófagos así como previlos no futuro.
Neste sentido, o traballo dos técnicos especialistas está a ser imprescindible, xa que está previsto que a rehabilitación tamén inclúa a reintegración cromática mediante técnicas discernibles.
O delegado territorial destacou a importancia de conservar ben catalogado incluído no Plan Xeral de Ordenación Municipal do Concello de Portas. Reguera lembrou que “a Xunta destinou 13 M€ a actuacións sobre o patrimonio durante o ano 2024, tanto no que se refire a intervencións arqueolóxicas como arquitectónicas”, ademais lembrou que “a consellería de Cultura, Lingua e Xuventude conta cun orzamento de 22 millóns de euros este ano para actuacións relacionadas co coidado do noso patrimonio”.