Nova: López Campos pon en valor o papel da creación literaria infantil en galego para incorporar novos lectores e falantes á nosa lingua

29/03/2025

López Campos pon en valor o papel da creación literaria infantil en galego para incorporar novos lectores e falantes á nosa lingua

O responsable de Cultura do Goberno galego destaca a “enorme calidade  creativa” dos autores e autoras galegas “como demostran os numerosos premios que reciben”

Asegura que Galicia é “unha potencia e referente cultural” e atribúeo á fortaleza e á profesionalidade do sector cun “constante e inquebrantable” apoio da Xunta

Trazo (Pontevedra), 29 de marzo de 2025

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, salientou hoxe o “importante papel” que exerce a creación literaria infantil en galego para “incorporar e incrementar novos lectores e falantes á nosa lingua”. Fíxoo durante a súa participación no acto de recoñecemento á escritora Rosalía Morlán como filla predilecta do concello coruñés de Trazo.

Na súa intervención, o responsable de Cultura do Goberno galego agradeceu a dedicación “profusa e ampla” de Rosalía Morlán á literatura infantil, a través de “excelsas obras” en narrativa, poesía e teatro. Ao respecto, destacou que as súas creacións reflicten “un grande amor, respecto e alta estima polo oficio da escrita, pola nosa lingua e polo público ás que van dirixidas”.

Neste senso, valorou a súa contribución a atraer novos lectores cara á literatura en galego “pequeno en idade, pero xigante en criterio, sensibilidade e fidelidade”. “Autoras coma ti fan cultura, fan país e fan que máis dos nosos se animen a ler máis e no noso idioma”, aseguroulle, ao tempo que se amosou convencido de que ter referentes desde a infancia en galego, como neste caso na literatura, sempre anima os máis novos e novas “a sacar a lingua que levan dentro”.

López Campos aproveitou o acto de homenaxe para enxalzar o talento da escritora de Trazo. Así gabou a calidade das obras desta “enfermeira de profesión, pero escritora por clara vocación e corazón”, tal e como considerou que demostran os numerosos recoñecementos que ten recompilado ao longo da súa traxectoria, como a Mención de honra do Premio Arume de poesía ou o accésit do certame Simbad para o recordo. No entanto, o representante do Goberno galego fixo fincapé no feito de que “poucas distincións con tan fonda pegada como o de ser filla predilecta do teu pobo”. “Todos sabemos que non hai galardón máis grande que a estima dos nosos”, subliñou.

Galicia, referente e potencia cultural

En todo caso, enmarcou esta distinción “profesional e de afecto” á escritora ao “momento espectacular” que está a vivir a cultura galega, “tal e como están a demostrar os recoñecementos dentro e fóra da nosa Comunidade”. Nesta liña, López Campos resaltou “a máis que interesante e de enorme calidade” creación literaria que está a producirse na Comunidade, “e que está a ser merecidamente distinguida e recoñecida”. A modo de exemplo, apuntou os premios nacionais con “marca Galicia e en galego” outorgados no 2024, como o de Poesía a Chus Pato, o das Letras a Manuel Rivas ou o de categoría de Cómic a Bea Lema.

O titular de Cultura do Goberno galego sumou a estas distincións os galardóns recibidos nos últimos anos por Yolanda Castaño, Olga Novo, Pilar Pallarés, Alba Cid, Ismael Ramos, Berta Dávila, Gonzalo Hermo, Diego Ameixeiras, Paula Carballeira, Marilar Aleixandre ou Ledicia Costas, “outra autora, como Rosalía Morlán, cunha sensibilidade especial para cativar a novos lectores”, salientou.

Para o conselleiro, todos estes galardóns confirman que Galicia é “unha potencia e referente cultural” e atribuíno especialmente a que a Comunidade conta cun “forte tecido cultural composto por grandes profesionais de cada un dos ámbitos culturais, tanto literario e audiovisual, como escénico, artístico ou danza”. A todos eles garantiulles o compromiso do Goberno galego de manter o seu “constante e inquebrantable apoio” para que sigan desenvolvendo os seus proxectos.

Comparte