Nova: Máis de 11.000 persoas visitaron a mostra Camiño. A Orixe
10/05/2015
Máis de 11.000 persoas visitaron a mostra Camiño. A Orixe
Inaugurada o pasado 13 de marzo, ofrece unha selecta escolma de obras de arte, con autores como Durero ou Murillo
Unha media de 223 visitantes achéganse cada día á Cidade da Cultura para coñecer como comezou o fenómeno das peregrinacións a Compostela
Santiago, 10 de maio de 2015.- A mostra ‘Camiño. A Orixe’, organizada pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, superou xa os once mil visitantes. En total, 11.147 persoas achegáronse ao Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura desde a apertura ao público desta mostra o 13 de marzo, o que supón unha media de 223 persoas diarias.
A exposición, que permanecerá aberta ata o 13 de setembro, ofrécelle ao visitante a posibilidade de descubrir unha selecta escolma de obras de arte e valiosas pezas históricas para coñecer a orixe do Camiño de Santiago, o relato inicial que explica como se iniciou o que hoxe é un fenómeno universal.
A través dunha montaxe contemporánea, ‘Camiño. A orixe’ presenta obras de artistas como Alberto Durero ou Bartolomé Esteban Murillo. A Galería Uffizi de Florencia, o Museo Cluny de Francia, o Museo del Prado, Patrimonio Nacional, Museo Lázaro Galdiano, os Museos de Belas Artes de Bilbao, Murcia, Córdoba e A Coruña e, por suposto, o Museo das Peregrinacións de Santiago e a Catedral compostelá integran as institucións que colaboran coa Cidade da Cultura nesta exposición.
A exposición complétase co proxecto ‘Lugares Xacobeos’, once intervencións artísticas realizadas por mozos creadores da Facultade de Belas Artes da Universidade de Vigo coas que se busca establecer un diálogo entre o trazado medieval de Compostela e o da Cidade da Cultura ideado por Peter Eisenman.
A eles súmanse os alumnos das Escolas de Arte e Superiores de Deseño de Galicia –Escola Pablo Picasso da Coruña, Escola Ramón Falcón de Lugo, Escola Antonio Faílde de Ourense e Escola Mestre Mateo de Santiago– para a realización de deseños xacobeos exclusivos para a mostra, que estarán expostos na tenda do Museo Centro Gaiás durante os seis meses que esta permaneza aberta ao público.