Nova: López Campos celebra o Día das Artes a Díaz Pardo como “xusto recoñecemento de Galicia ao innovador legado cultural dunha figura inmensa e irrepetible”

01/04/2025

López Campos celebra o Día das Artes a Díaz Pardo como “xusto recoñecemento de Galicia ao innovador legado cultural dunha figura inmensa e irrepetible”

O responsable de Cultura do Goberno galego destaca que foi o artífice de proxectos tan relevantes como Sargadelos, o Laboratorio de Formas, Ediciós do Castro, o Instituto Galego de Información ou o Museo de Arte Contemporánea Carlos Maside

Anuncia que a Xunta tamén se sumará a esta celebración coa mostra ‘A barca de Caronte’, principal proxecto deste 2025 do Museo de Belas Artes, na Coruña

Agradece á Real Academia Galega de Belas Artes a “tan atinada elección” e o seu “imprescindible labor” de difusión do noso legado artístico e talento creativo

Santiago de Compostela, 1 de abril de 2025

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, celebrou hoxe a dedicación do Día das Artes Galegas 2025 a Isaac Diaz Parzo como “xusto recoñecemento de Galicia ao innovador legado cultural dunha figura inmensa e irrepetible”. Fíxoo durante a súa participación no acto conmemorativo principal deste efeméride, celebrado en Santiago de Compostela, no que tamén asistiu o conselleiro do Mar, Alfonso Villares.

O responsable de Cultura da Xunta gabou que a Real Academia Galega de Belas Artes “volva estar, unha vez máis, tan atinada na súa elección”.  “Díaz Pardo merecía e debía formar parte desta prestixiosa listaxe xunto persoeiros senlleiros da nosa cultura como o Mestre Mateo, Castelao, Maruxa Mallo, Laxeiro, Martín Códax ou Francisco Asorey”, argumentou.

Nesta liña, salientou que o Goberno galego tamén se suma a este recoñecemento co “principal proxecto deste 2025” do Museo de Belas Artes, da cidade da Coruña. Trátase da exposición prevista para xuño, A barca de Caronte: a travesía vital de Isaac Díaz Pardo, que fai un percorrido creativo pola súa obra desde a etapa pictórica á de deseñador industrial.

Ademais, o conselleiro lembrou que a Xunta tamén xa tiña homenaxeado a este “anovador da arte” con As miradas de Isaac, a primeira grande exposición que se lle dedicou en Galicia co gallo do centenario do seu nacemento e que foi exhibida en 2020 na Cidade da Cultura. “Foi unha mostra para situalo como merecía na historia da cultura Galicia”, explicou en referencia a que Díaz Pardo foi o responsable de “achegas tan relevantes” como o Laboratorio de Formas, Ediciós do Castro, o Instituto Galego de Información ou o Museo de Arte Contemporánea Carlos Maside.

Sargadelos: referente do cerámica e do deseño en Europa

Ademais, López Campos salientou que sobre todo, Díaz Pardo é “celebrado pola cultura e toda a sociedade” por ser o artífice da  fábrica de Sargadelos, “que recuperou con outro grande da intelectualidade e arte galegas, Luis Seoane”. Sobre este proxecto, lembrou que “a innovación nos seus deseños, unindo tradición e vangarda, e as súas características pinceladas en azul cobalto e vermello-alaranxadas, supuxeron un referente para o sector da cerámica e do deseño en España, e tamén en Europa”.

Neste senso, López Campos quixo destacar o compromiso desta  figura multifacética “co desenvolvemento e progreso da Comunidade”. Así puxo en valor a defensa do artista ao longo da súa vida e traxectoria de “sacar o máximo proveito, a través da cultura, da creatividade, talento e potencial innovador e económico que posuía Galicia”.

Así, lembrou que Díaz Pardo foi un pioneiro no pulo da “industria cultural” e recolleu as propias palabras do artista que “sempre apelaba a que a cultura é todo, tamén economía e labor social”. “Unha visión poliédrica acorde coa súa figura e que está totalmente vixente, porque sempre foi un visionario e precursor”, enxalzou.

Finalmente, o conselleiro quixo recoñecer o traballo da Real Academia Galega de Belas Artes polo seu “imprescindible e constante labor“ na difusión da arte e da cultural, recoñecendo os esforzos que realiza a institución a prol do legado artístico e do talento creativo. Por este motivos, comprometeuse a seguir mantendo e reforzando a colaboración e apoio que recibe desde o Goberno galego.

Comparte