Nova: Unha exposición da Xunta en Madrid convida a explorar a Vía da Prata a través de figuras imprescindibles da fotografía dos últimos 150 anos

02/04/2025

Unha exposición da Xunta en Madrid convida a explorar a Vía da Prata a través de figuras imprescindibles da fotografía dos últimos 150 anos

A mostra reúne imaxes de fotógrafos clásicos como Nicolás Muller, Otto Wunderlich ou Jean Laurent, e contemporáneos como Ana Turbau, Carmenchu Alemán, ou os Premios Nacionais Castro Prieto e Cristina García Rodero

O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, presenta a exposición como unha oportunidade para gozar “da riqueza paisaxística e monumental da ruta xacobea que une Sevilla con Santiago de Compostela”

Comisariada por Lucía Laín e producida pola Cidade da Cultura de Galicia, poderá visitarse de balde ata o vindeiro 25 de maio

Madrid, 2 de abril de 2025

O director xeral de Cultura da Xunta de Galicia, Anxo M. Lorenzo, inaugurou hoxe na Casa de Galicia en Madrid a exposición A Vía da Prata. Aires do Sur, unha mostra que reivindica o patrimonio cultural e histórico do Camiño de Santiago, a través da ollada dunha trintena de fotógrafos clásicos e contemporáneos. A mostra percorre 150 anos da historia da fotografía, desde pioneiros como Jean Laurent a J. Poujade, pasando por grandes figuras da primeira metade do século XX como José Suárez, Nicolás Muller ou Otto Wunderlich, ata grandes artistas das últimas décadas, nomes como os de Ana Turbau, Carmenchu Alemán, Atín Aya, ou os Premios Nacionais Juan Manuel Castro Prieto e Cristina García Rodero, entre outros.

A exposición, unha produción da Cidade da Cultura que puido verse anteriormente no Museo Centro Gaiás ademais de en Cáceres e Ourense, chega agora a Madrid cunha selección de 75 imaxes que constrúen un relato evocador das xentes, as paisaxes e as tradicións das catro comunidades autónomas polas que transita este itinerario cultural de 1.000 km que une Sevilla e Santiago de Compostela.

Precisamente, o representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, destacou A Vía da Prata. Aires do Sur como unha oportunidade de coñecer “a riqueza paisaxística e monumental dunha das rutas que mellor encarna a riqueza patrimonial e a diversidade dos itinerarios xacobeos, a través dun relato evocador de experiencias capturadas nas que o visitante se sitúa, de maneira intencionada, no punto de vista do peregrino”.

Anxo M. Lorenzo lembrou que a exposición ofrece unha selecta escolma de imaxes asinadas por “algúns dos nomes máis destacados da fotografía do último século e medio”, ao tempo que é unha mostra “do inestimable traballo de museos, bibliotecas, arquivos e institucións da memoria, que conservan moitas destas imaxes, como o Fondo Nicolás Muller do Archivo Regional de la Comunidad de Madrid, o Arquivo José Suárez, o Institut d’Estudis Fotogràfics de Catalunya, o Instituto del Patrimonio Cultural de España, ou a Biblioteca Nacional de España, entre outras”, remarcou.

A mostra chega a Madrid e tras colleitar máis de 20.000 visitas durante a súa estancia no Gaiás e as itinerancias a Cáceres e Ourense. No acto de inauguración, o director xeral de Cultura estivo acompañado polo director da Casa de Galicia en Madrid, Luís E. Ramos, da directora xerente da Cidade da Cultura, Ana Isabel Vázquez, e da comisaria da mostra, a documentalista, guionista e historiadora Lucía Laín.

Grandes mestres da fotografía e novos talentos

A Vía da Prata. Aires do sur propón un percorrido onde as pezas máis antigas se remontan case ata o nacemento da fotografía. Obras de grandes mestres como Jean Laurent —pioneiro da fotografía que no s. XIX documentou a transformación de España e de Madrid— J. Poujade, Otto Wunderlich ou o documentalista Nicolás Muller sucédense nun incesante diálogo con miradas actuais, conformando un único relato.

A selección de 75 imaxes outorga así tamén un papel destacado ao traballo de fotógrafos e fotógrafas contemporáneos: a través dos seus obxectivos profundamos na realidade de pequenas localidades, algunhas aínda descoñecidas e outras cada vez máis transitadas, e captamos as miradas e costumes das súas xentes. Os premios nacionais de fotografía Cristina García Rodero e Juan Manuel Castro Prieto, e nomes como os de Carmenchu Alemán, Ana Turbau, Atín Aya, José Manuel Navia, Luis Vioque, Fernando Manso ou Vicente López-Tofiño, son tan só uns exemplos.

Destaca tamén a presenza de fotógrafos e fotógrafas galegas, desde a eminente figura de José Suárez ata artistas contemporáneos como Tere Fernández, Antón Buciños, Iñaki Matilla, Roberto de la Torre, Manuel G. Vicente, ou os fotoxornalistas Brais Lorenzo e Miguel Muñiz.

Descentralización da programación da Cidade da Cultura

A mostra encádrase no programa de itinerancias desenvolvido pola Xunta de Galicia co obxectivo de levar a programación do Gaiás a vilas e cidades dentro e fóra de Galicia e que só na primeira metade deste ano 2025 suma sete novas citas en lugares como Vigo, Pontevedra, A Coruña ou, agora, Madrid.

A Vía da Prata. Aires do sur pode visitarse, de balde e ata o 25 de maio, no Palacio de Amezúa, a sede da Casa de Galicia en Madrid, de luns a sábado en horario de 10,00 a 14,00 horas e de 16,00 a 20,00 horas. Os domingos permanece aberta só en horario matinal, de 10,00 a 14,00 horas.

Comparte